Plan de Infraestruturas Xudiciais

A Xunta de Galicia ten en marcha un Plan de Infraestruturas Xudiciais dotado con preto de 100 millóns de euros, que permite levar a cabo actuacións fundamentais e moi necesarias nas grandes sedes xudiciais galegas. Este plan representa ademais unha aposta pola colaboración entre administracións, xa que son os concellos os que poñen á disposición da administración de xustiza os terreos ou edificios e a Xunta a que se encarga de construír as infraestruturas.

Na Coruña as obras contempladas no proxecto teñen por obxecto a rehabilitación do edificio da antiga “Real Fábrica de Tabacos para infraestruturas xudiciais, convertendo este histórico inmoble nun edificio xudicial, modelo en toda Galicia e toda España. A  obra conta cun importante investimento de máis de 16 millóns de euros e dotará á cidade da Coruña dun edificio xudicial sen parangón, consolidando as infraestruturas xudiciais da cidade e recuperando un inmoble senlleiro e emblemático para a cidade herculina.

En Pontevedra, levarase a cabo a a construción da nova sede xudicial de “A Parda, co propósito de reagrupar xulgados e xerar un espazo suficiente para os próximos anos na cidade de Pontevedra. O investimento supera os 17 millóns de euros para esta infraestrutura xudicial que contará con máis de 21.000 metros cadrados, e poderá albergar 28 unidades xudiciais, resolvendo así a carencia actual de espazos xudiciais na cidade.

En Vigo, pola súa banda, o proxecto da Cidade da Xustiza supón a rehabilitación do antigo Hospital Xeral, unha aposta que lle dará uso a un edificio emblemático, contribuirá a dinamizar a cidade e concentrará nun só edificio e no centro de Vigo toda a actividade xudicial, dotando á administración de xustiza dunhas instalacións de gran nivel con 36.000 metros cadrados. Para a execución das obras estímase un orzamento de arredor de 25 millóns de euros.