Rehabilitación do antigo Hospital Xeral como nova Cidade da Xustiza de Vigo

A Xunta avanza para que a Cidade da Xustiza de Vigo sexa unha realidade no menor tempo posible.

O proxecto supón a rehabilitación do antigo Hospital Xeral, unha aposta que lle dará uso a un edificio emblemático, contribuirá a dinamizar a cidade e concentrará nun só edificio e no centro de Vigo toda a actividade xudicial, dotando á administración de xustiza dunhas instalacións de gran nivel con 36.000 metros cadrados.

Para desenvolver esta iniciativa, anunciada en febreiro de 2016, e que conleva o traslado dos dous edificios actualmente utilizados na rúa Lalín, convocouse un concurso de ideas, a nivel de anteproxecto para a adaptación do antigo edificio do Hospital Xeral. O pasado 05/10/16 coñeceuse o gañador do concurso de ideas, o arquitecto Alfonso Penela, que será o encargado de elaborar o proxecto de execución e levar a cabo a dirección de obra (conforme ao establecido no artigo 174.d da TRLCSP).

O Goberno galego apostou pola fórmula do concurso de ideas, dadas as particulares actuacións técnicas que implican a adaptación deste edificio para adaptalo a un novo uso, xa que este tipo de procedemento permite obter un maior número de propostas para unha avaliación máis completa das posibles solucións, estimulando a creatividade e dando a posibilidade ao sector de participar na idea.

Unha vez se dispoña do proxecto de execución, licitarase a obra, a dirección de execución e a coordinación de seguridade e saúde.

Obxectivo 2019
A Xunta está a dar todos os pasos para que o edificio do antigo Hospital Xeral pase a ser a Cidade da Xustiza de Vigo e que canto antes se poidan iniciar as obras, co obxectivo de que poida estar finalizada a actuación en novembro do ano 2019.

Para a execución das obras estímase un orzamento de 25 millóns de euros, cunha posible variación do 10 por cento, isto é, entre 22,5 e 27,5 millóns de euros.

Trasladaranse ao edificio 35 unidades xudiciais, se ben o programa de necesidades esixe que se proxecten 55 unidades máis un espazo para as dependencias do Xulgado de Garda, polo que se obtén unha dispoñibilidade de 21 oficinas para futuros crecementos do partido xudicial de Vigo.

Ademais, obtense espazo adicional para dúas seccións da Audiencia Provincial para garantir a posibilidade de incrementos.

En canto ao persoal a trasladar, na actualidade desenvolven a súa tarefa nos dous edificios 503 efectivos (18 son reforzos).

Esta actuación enmárcase no Plan de Infraestruturas Xudiciais posto en marcha pola Xunta e dotado con preto de 100 millóns de euros, que permite levar a cabo actuacións fundamentais e moi necesarias nas grandes sedes xudiciais galegas. O Plan de Infraestruturas Xudiciais representa ademais unha aposta pola colaboración entre administracións, xa que son os concellos os que poñen á disposición da administración de xustiza os terreos ou edificios e a Xunta a que se encarga de construír as infraestruturas.