Rehabilitación do edificio da antiga "Real Fábrica de Tabacos" na Coruña para infraestruturas xudiciais

As obras contempladas no proxecto teñen por obxecto a rehabilitación do edificio da antiga “Real Fábrica de Tabacos” para infraestruturas xudiciais, convertendo este histórico inmoble nun edificio xudicial, modelo en toda Galicia e toda España. Esta rehabilitación que conta cun importante investimento de máis de 16 millóns de euros  dotará á cidade da Coruña dun edificio xudicial sen parangón, consolidando as infraestruturas xudiciais da cidade e recuperando para uso de todos os coruñeses un inmoble senlleiro e emblemático para a cidade herculina.

A nova sede xudicial albergará a Audiencia Provincial, a Fiscalía Provincial (incluída a fiscalía de menores), o Xulgado de menores, o Xulgado de vixiancia penitenciaria, as oficinas da Secretaría Provincial de Coordinación, as oficinas da Xunta Electoral Provincial, e a Mutualidade Xeral de Funcionarios de Xustiza,  que albergarán case 200 traballadores, e que permitirán incrementar nun 70 por cento a superficie das unidades xudiciais actuais, resolvendo os problemas de espazo para os vindeiros vinte anos. Esta gran reforma permitirá dotar á Administración de Xustiza da Coruña dunhas infraestruturas idóneas para os que nela traballan e para os milleiros de cidadáns que as utilizan cada día.

O edificio desenvólvese en 4 plantas: soto, baixa, primeira, segunda. A superficie total construída é de 18.740 m2. Na obra de restauración mantívose a  fachada principal da praza da Palloza, que data de finais do século XIX. Entre os espazos singulares atópanse os patios existentes que se destinan integramente á circulación do público e os accesos a xulgados, colexios profesionais e salas de audiencia. Outro espazo singular é a biblioteca e salas de usos múltiples situadas na primeira planta. Finalmente as 4 salas de Audiencia Provincial e unha sala de vistas para os dous xulgados. Os espazos de traballo para xuíces, letrados da Administración de xustiza, fiscais e funcionarios resólvense situando os despachos no perímetro exterior do edificio e as oficinas de tramitación nas alas centrais. Tamén son de resaltar os espazos correspondentes a instalacións no soto, zonas previstas para o arquivo en distintos lugares do edificio e as celas de detidos no soto.

Esta actuación enmárcase no Plan de Infraestruturas Xudiciais posto en marcha pola Xunta e dotado con preto de 100 millóns de euros, o que permite levar a cabo actuacións fundamentais e moi necesarias nos partidos xudiciais galegos. O Plan de Infraestruturas Xudiciais representa ademais unha aposta pola colaboración entre Administracións, xa que son os concellos os que poñen á disposición da Administración de xustiza os terreos ou edificios para a súa rehabilitación, e a Xunta a que se encarga de construír as infraestruturas.