Novo Edificio Xudicial de Pontevedra

O obxectivo principal deste proxecto foi a construción da nova sede xudicial de “A Parda” co propósito de reagrupar xulgados e xerar un espazo suficiente para os vindeiros anos na cidade de Pontevedra.

O investimento, que superou os 17 millóns de euros, permitiu a construcción dunha infraestrutura xudicial única de máis de 21 000 metros cadrados que alberga 28 unidades xudiciais. Resólvese así a antiga carencia de espazos xudiciais na cidade do río Lérez. Este novo edificio está comunicado a través dunha pasarela cuberta co edifico xudicial anterior. Ámbolos dous constitúense como un único complexo xudicial.

No novo edificio existen 14 xulgados: os catro Xulgados do Social, os dous Xulgados do Mercantil, os tres Xulgados do Contencioso-Administrativo e os cinco Xulgados de Instancia. A idea foi xuntar nel todos os órganos que non fosen da xurisdición penal. Ademais, A Parda’ ten capacidade para sumar outros 14 xulgados máis, o que cubriría as posibles necesidades de espazos para os vindeiros 15 ou 20 anos. Os órganos da xurisdición penal: xulgados de instrución, penais, vixilancia penitenciaria e menores, así como a Fiscalía Provincial permanecen no primeiro edificio.

Características do edificio

O edificio ten 6 andares sobre rasante. Os dous primeiros (baixo e primeiro andar), máis públicos, neles sitúanse as salas de vistas. Os catro seguintes corresponden aos andares de xulgados: 7 xulgados por andar, cun total de 28 xulgados. O edificio baixo rasante ten dous andares de soto, onde se albergan o aparcamento de uso privado para os traballadores do edificio e os arquivos do edificio, así como as salas de instalacións.

O edificio funciona a partir dunha configuración en andares, o que lle outorga a súa característica principal de desenvolverse en torno a un patio central. Nos andares baixo e primeiro, o patio está pechado; mentres que nos andares superiores o patio ábrese ao exterior. No andar segundo, este mesmo espazo, convértese nunha praza exterior pola incorporación dunha cuberta transitable. A partires deste andar o edificio articúlase en torno a este gran patio.