Introdución

A Xunta de Galicia, en base as súas competencias, encárgase de dotar á Administración de Xustiza en Galicia dos medios tecnolóxicos, materiais e humanos necesarios para conseguir a transformación da xustiza cara a un novo modelo de xestión eficiente, próxima, transparente e coordinada, que ofreza á sociedade uns servizos xudiciais seguros, áxiles e eficaces.

Este obxectivo só pode acadarse coa posta en marcha da Administración Xudicial Electrónica en Galicia, que, nun modelo de mellora continua, resolve as necesidades da propia comunidade mediante solucións innovadoras e eficientes, dispoñibles as 24 horas do día os 365 días do año, con plena integración entre os órganos xudiciais e os diferentes axentes implicados nun procedemento xudicial.

Dado o reparto competencial da Administración de Xustiza, a implantación da nova Administración Xudicial Electrónica esixe unha importante coordinación entre todos os estamentos e administracións que interveñen no seu funcionamento e, especialmente, na dotación de solucións tecnolóxicas ao seu servizo.

Neste marco de coordinación e cooperación interadministrativa, non só a nivel interno senón tamén a nivel estatal, e da man do Comité Técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica (CTEAJE), xorden numerosas iniciativas para a Transferencia Tecnolóxica de aplicacións relacionadas co ámbito xudicial, que permiten a reutilización e aproveitamento dos recursos tecnolóxicos en beneficio da axilidade xudicial e do propio cidadán.

A Xunta de Galicia pon a disposición das distintas administracións e organismos representados no CTEAJE o presente espazo de Transferencia Tecnolóxica como punto de acceso á información e novidades dos distintos proxectos liderados por esta comunidade e dispoñibles, para o seu uso, por calquera outra Administración de xustiza.