As labores de expurgo nos xulgados galegos permiten atopar un expediente histórico sobre un proceso a Santiago Casares Quiroga

O expediente contra o que foi presidente do Goberno durante a II República foi trasladado  ao Arquivo do Reino de Galicia polo seu alto valor histórico e patrimonial, onde foi restaurado.

Os traballos de modernización, organización e clasificación realizados polo persoal do arquivo da Xunta nos xulgados coruñeses veñen de sacar á luz un expediente iniciado a finais da Guerra Civil para incautar os bens de Santiago Casares Quiroga, o que foi presidente do Goberno durante a II República.

Mediante a labor de expurgo, estase levando a cabo un inventario dos inxentes fondos documentais que gardan os xulgados galegos determinando cales son dignos de se conservar polo seu interese histórico e cales se poden eliminar. Con esta medida, prevese que as sedes xudiciais galegas gañen un 75 por cento de espazo, ao tempo que se facilita o acceso á documentación que queda, e conservar o patrimonio galego, coma é o caso do expediente recentemente atopado. Ademais, esta iniciativa supón un paso máis adiante no obxectivo de modernizar a Administración de Xustiza, no que a Xunta leva traballando dende a pasada lexislatura.

En Galicia existen 50 arquivos xudiciais, os do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as catro Audiencias e os 45 partidos xudiciais; algúns deles con expedientes que datan do seus inicios a comezos do século pasado. Estimase que en total estean almacenados uns 3 millóns de expedientes, con máis de 150 millóns de folios.

O documento de Casares Quiroga foi atopado durante o proceso de relación de expedientes no arquivo común dos xulgados da Coruña e correspondía ao xulgado de Primeira Instancia nº 2. Neste caso o expediente, ao ser anterior aos anos corenta, non ten que pasar pola Xunta de Expurgo, xa que se considera de interese patrimonial e trasladarase directamente ao Arquivo do Reino de Galicia; máis, tendo en conta o valor deste documento e da figura histórica á que fai referencia.

En 1938 a Comisión Provincial de Incautacións de Bens da Coruña acordou instruír un expediente sobre Declaración de Responsabilidade Civil contra Santiago Casares Quiroga tras as indagacións realizadas sobre a súa conduta, ideoloxía, traxectoria política, actuacións levadas a cabo e participación en revoltas.

É declarado por sentenza do 7 de marzo de 1940 incurso de responsabilidade política polo Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas, impoñéndolle como sanción quince anos de inhabilitación absoluta, outros quince de "estrañamento" e o embargo total dos seus bens. Ademais, acordan tamén propoñer ao Goberno a perda da nacionalidade.

A partir desta sentenza, empézanse a levar a cabo todas as actuacións necesarias para facer efectivas as sancións e se inicia toda a parte referente ao embargo dos bens de Casares Quiroga, que se adxudican ao Estado. Para poder realizar esta acción, fixéronse indagacións de todas as súas pertenzas, realizando inventarios da súa biblioteca, enseres e bens mobles e inmobles. Estes inventarios acompáñanse de títulos de propiedade, polo que o expediente adxunta escrituras do século XIX.

O groso de expediente do ex presidente do Goberno durante a República desenvolveuse entre os anos 1938 e 1945, aínda que tamén existe unha providencia datada do 3 de decembro de 1966 na que se ordena o arquivo do expediente por aplicación do decreto de Indulto do 10 de novembro de 1966.

Santiago Casares Quiroga (A Coruña, 1884 - París, 1950) foi un político galeguista e avogado. Chegou a ser presidente do XX Goberno da República. En 1931 formou parte do primeiro gabinete republicano e converteuse en ministro da gobernación. Foi o máximo líder galego, elixido deputado a Cortes pola Coruña e encargouse de fusionar a Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) coa Esquerda Republicana de Manuel Azaña. Ao finalizar a Guerra Civil exiliouse a Francia, onde permaneceu o resto da súa vida.