O Consello Xeral do Poder Xudicial prorroga por tres meses as medidas de reforzo ao Xulgado que instrúe o "caso Alvia"

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela seguirá contando durante ese tempo cunha xuíz de reforzo

A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial acordou hoxe prorrogar por un período de tres meses as medidas de reforzo ao Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela, no que se instrúe a causa aberta polo accidente ferroviario do tren Alvia ocorrido o 24 de xullo de 2013.

O CGPJ atende así a petición cursada o pasado 4 de xullo pola Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que solicitou a renovación das medidas de reforzo sinalando que, ademais do "caso Alvia", o Xulgado se ocupa de asuntos de violencia de xénero e instrúe cinco causas da chamada "operación Pokémon".

O plan de reforzo foi aprobado pola Comisión Permanente o 31 de xullo de 2013, só sete días despois do accidente, e prorrogado por seis meses o pasado 5 de febreiro.

As medidas acordadas entón, e renovadas agora, consisten na adscrición dunha xuíz substituta que atenderá a levanza ordinaria do órgano xudicial: xuízos de faltas, tramitación de dilixencias previas e procedementos abreviados e resto de asuntos civís pendentes, incluíndo todos os relativos a violencia de xénero.

Ademais, solicítase ao Ministerio de Xustiza que prorrogue o nomeamento dun secretario xudicial en comisión de servizo con relevación de funcións e á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia que faga o mesmo cos seguintes funcionarios: dous do Corpo de Xestión Procesual e Administrativa, dúas do Corpo de Tramitación Procesual e Administrativa e un do Corpo de Auxilio Xudicial.

As dilixencias derivadas do accidente do tren Alvia ocupan xa 48 tomos no expediente principal -con máis de 19.000 folios-, ao que hai que engadir 231 pezas separadas, unha por cada un dos falecidos e feridos. En total tramitáronse un total de 176 persoacións, ademais das de dúas acusacións populares.

Desde o pasado 20 de xuño, o titular do Xulgado é o maxistrado Andrés Lago Louro, que substituíu a Luís Aláez Legerén, actualmente destinado no Xulgado do Penal número 1 de Santiago.

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]