Sede Xudicial Electrónica

Plan de Infraestruturas Xudiciais

Plan de infraestruturas xudiciais en Pontevedra


Novo Edificio Xudicial de Pontevedra

O obxectivo principal deste proxecto foi a construción da nova sede xudicial de “A Parda” co propósito de reagrupar órganos xudiciais e xerar un espazo suficiente para os vindeiros anos na cidade de Pontevedra.

O investimento, que superou os 17 millóns de euros, permitiu a construción dunha infraestrutura xudicial única de máis de 21.000 metros cadrados que alberga 28 órganos xudiciais. Resólvese así a antiga carencia de espazos xudiciais na cidade do río Lérez. Este novo edificio está comunicado a través dunha pasarela cuberta co edificio xudicial anterior. Ámbolos dous constitúense como un único complexo xudicial.

No novo edificio situáronse inicialmente 14 xulgados: os catro Xulgados do Social, os dous Xulgados do Mercantil, os tres Xulgados do Contencioso-Administrativo e os cinco Xulgados de 1ª instancia. A idea foi reunir nel todos os órganos que non fosen da xurisdición penal. Ademais, “A Parda”  foi deseñado con capacidade para albergar novos órganos xudiciais ou unidades organizativas en función das necesidades do servizo público de xustiza. 

Os órganos da xurisdición penal (incluídos os xulgados de instrución), os xulgados de vixilancia penal e de menores, así como a Fiscalía Provincial, permanecen no primeiro edificio.

Características do edificio

O edificio conta con 6 andares sobre rasante. Nos dous primeiros (baixo e primeiro andar), máis públicos, sitúanse as salas de vistas. Os catro seguintes corresponden aos andares destinados a órganos xudiciais, distribuídos de forma funcional conforme as necesidades do servizo. 

O edificio baixo rasante ten dous andares de soto, onde se albergan o aparcamento de uso privado para os traballadores do edificio e os arquivos, así como as salas de instalacións.

O edificio funciona a partir dunha configuración en andares, o que lle outorga a súa característica principal de desenvolverse en torno a un patio central. Nos andares baixo e primeiro, o patio está pechado; mentres que nos andares superiores o patio ábrese ao exterior. No andar segundo, este mesmo espazo, convértese nunha praza exterior pola incorporación dunha cuberta transitable. A partires deste andar o edificio articúlase en torno a este gran patio.