A Xunta pon en valor o aumento do 15% nos baremos consensuados ata 2025 para compensar os profesionais do servizo de asistencia xurídica gratuíta

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que os baremos vixentes sitúan Galicia nos primeiros postos a nivel estatal no que se refire ás retribucións aos profesionais da avogacía e da procuradoría

Lembra que Galicia, pese a que a competencia básica en xurídica gratuíta é estatal, xa retribúe cos baremos vixentes mediante convenios co Consello da Avogacía Galega e o Consello Galego dos Procuradores con conceptos que non recolle a normativa estatal e que están a reclamar os profesionais da quenda de oficio ao Goberno central coa folga actual

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor hoxe no Parlamento de Galicia as retribucións realizadas nos últimos anos aos profesionais da quenda de oficio a través dos convenios co Consello da Avogacía Galega e co Consello Galego dos Procuradores de Galicia, pese a non tratarse dunha competencia da Xunta. Así, as compensacións incrementáronse nun 15% de media segundo os baremos consensuados ata 2025.

Cómpre aclarar que estes baremos actualmente vixentes contemplan cantidades diferentes en función da xurisdición, tipo e fase do procedemento. Acordáronse cos colexios de avogados e procuradores en 2021 e están vixentes desde o cuarto trimestre dese exercicio durante un período de 4 anos. Este acordo permitiu -destacou Diego Calvo- que Galicia se situase nos primeiros postos a nivel estatal na compensación a estes profesionais.

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro lembrou a modificación e inclusión de conceptos determinados no acordo vixente desde 2021. Por exemplo, inclúese a intervención do avogado aínda que non implique prestación de declaración; na orde de protección, igualouse a contía que percibe a defensa da vítima á do agresor; equiparouse o importe do procedemento penal abreviado ao xuízo rápido sen conformidade; e retribúese porcentualmente a multiplicidade de persoas investigadas que no mesmo procedemento actúen baixo a mesma defensa. Ademais, entre outras medidas, en materia de familia tamén se retribúen as ampliacións que se producen na execución.

Diego Calvo incidiu en que as melloras implantadas pola Xunta na xestión do servizo de asistencia xurídica gratuíta están a ser fundamentais para garantir a igualdade de condicións de toda a cidadanía no acceso á Xustiza. Así mesmo, tal e como asegurou, permiten que Galicia sexa unha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas por estes entes colexiais.

Por outra banda, canto á actual folga dos profesionais da quenda de oficio, o vicepresidente primeiro aclarou que se trata de reclamacións ao Goberno central que se suman ás doutros axentes da Administración de Xustiza nos últimos meses. Nesta liña, cómpre sinalar que a competencia básica en xustiza gratuíta é estatal, sen prexuízo de que a Xunta sexa pioneira e cubra por convenio conceptos que non contempla a normativa estatal.

Por ese motivo, tampouco é competencia da Xunta fixar os servizos mínimos da actual folga convocada por estes profesionais ao non tratarse de funcionarios públicos, nin persoal ao servizo da Administración de Xustiza e, polo tanto, non existir relación contractual. De todas formas, pese a non tratarse de competencia autonómica, o Goberno galego financia a asistencia xurídica gratuíta en favor de persoas sen recursos suficientes mediante compensacións a través dos colexios profesionais e reserva para este fin 14,2 millóns de euros nos orzamentos de 2024.

O vicepresidente primeiro engadiu que a actuación da Xunta neste ámbito vai máis alá dos acordos  para compensar os colexios de avogados e procuradores polas actuacións dos seus colexiados na prestación deste servizo. Por iso, se manteñen a maiores outros acordos co obxectivo de garantir aos galegos e galegas un servizo de maior calidade.

Así, a Xunta colabora con 200.000 euros co Consello da Avogacía Galega na compensación dos custos da asistencia xurídica gratuíta por requirimento xudicial aos letrados designados en virtude de requirimento xudicial cando non exista un recoñecemento expreso do dereito de asistencia gratuíta.

Galicia é ademais das únicas comunidades que inclúen o acompañamento inicial a vítimas especialmente vulnerables, isto é, mulleres vítimas de violencia sexual e menores vítimas de delitos de violencia. Mediante un convenio coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Consello da Avogacía Galega destináronse este ano máis de 159.800 euros a accións de atención xurídica a vítimas de violencia sexual por parte de profesionais especializados en delitos contra a liberdade sexual. Outros 30.000 euros investíronse noutro acordo dirixido á asistencia a menores de idade no ámbito da loita contra a violencia.

[Fonte: Xunta de Galicia]