A Xunta participa na creación dunha comisión mixta cos letrados de Administración de Xustiza

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe nunha reunión na que se acordou crear un grupo de traballo no que se abordará o funcionamento, estrutura e persoal ao servizo da Administración de Xustiza


No primeiro encontro tamén se trataron os cambios que suporá a Lei Orgánica de Eficiencia Organizativa do Goberno central nas oficinas xudiciais e nas funcións dos letrados de Administración de Xustiza
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023 O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe por videoconferencia na reunión con representantes dos letrados de Administración de Xustiza para constituír unha Comisión Mixta entre a Xunta e estes profesionais co obxectivo de abordar o funcionamento, estrutura e persoal ao servizo da Administración de Xustiza.

 

Por iso, no encontro de hoxe acordouse aprobar a creación dun grupo de traballo mixto e completo que tamén estudará os cambios normativos que impliquen modificacións nas oficinas xudiciais, cuestións tecnolóxicas e outros asuntos que requiran a unificación de criterios de actuación. Así, presentouse o convenio reitor da comisión que foi trasladado os asistentes para facer as súas aportacións e incorporalas na seguinte xuntanza.

 

Na reunión participaron o secretario da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Juan José Martín; representantes dos servizos de modernización e de coordinación técnico-administrativa da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta; e os secretarios/as coordinadores das catro provincias. En representación dos letrados de Administración de xustiza (LAX) asistiron a delegada territorial da Unión Progresista de Letrados da Administración de Xustiza (UPSJ), Estefanía Ave; o delegado territorial do Colexio Nacional de LAX, José Luis Roig Valdivieso; Carmen Adellach Pascual, LAX do Decanato de Vigo e Carmen Calvo Alonso, LAX do Xulgado de Primeira Instancia nº9 da Coruña.

 

Neste encontro tratáronse tamén os cambios organizativos que implicará na estrutura organizativa dos xulgados e tribunais a Lei Orgánica de Eficiencia Organizativa que prevé aprobar o Goberno central e que a Xunta en varias reunións da Comisión Mixta de Xustiza entre o Executivo estatal e as comunidades autónomas xa ten amosado o seu rexeitamento. En concreto,  aos modelos de referencia propostos para as novas oficinas xudiciais ao considerar que non se adaptan ás características dos órganos xudiciais da comunidade galega.

 

De feito, o director xeral de Xustiza ten manifestado en varias ocasións a dificultade da comarcalización das oficinas en Galicia debido á dispersión e o envellecemento da poboación e tamén reclamou ao Goberno central que tanto os letrados de Administración de Xustiza como as organizacións sindicais poidan participar no debate e nas negociacións sobre o cambio de modelo co obxectivo de acadar un acordo co máximo consenso.

 

Cómpre lembrar que a nova lei prevé transformar os xulgados en tribunais de instancia, isto é, pasar de órganos unipersoais dotados de persoal e medios propios a xuíces e maxistrados integrados nunha ou varias seccións. No caso dos letrados da Administración de Xustiza integraríanse xunto co persoal funcionario nas diferentes unidades da nova oficina xudicial asumindo as tarefas que recolla a lexislación aprobada.

 

Por outra banda, os xulgados de paz transformaríanse en oficinas de xustiza municipais comarcalizadas e sen xuíz de paz cubrindo as funcións requiridas por funcionarios ao servizo da Administración de Xustiza. E no que se refire ás oficinas xerais dos rexistros civís ao non preverse que formen parte das oficinas xudiciais, as relacións de postos de traballo (RPTS) de cada unha delas detraeríanse dos órganos xudiciais en competencias en rexistro civil.

 

Nesta liña, a Xunta tamén ten manifestado que nos modelos de referencia das novas oficinas xudiciais non se aclara cal será a situación definitiva do seu persoal, nin as súas funcións e estrutura deixando todo aberto á negociación da relación dos postos de traballo (RPTS) coas organizacións sindicais. Ademais, omite supostos como os funcionarios de garda ou os xulgados de violencia sobre a muller e tampouco queda definido o encaixe dos rexistros civís coa oficina xudicial transformando os actuais xulgados de paz.

[Fonte: Xunta de Galicia]