A Xunta inviste máis de 200.000 euros na mellora enerxética dos xulgados de Noia

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou hoxe o edificio, onde anunciou o inminente comezo das obras e da dixitalización dos arquivos a través do Plan de expurgo


O obxectivo é facilitarlles ao persoal e á cidadanía unha infraestrutura xudicial eficiente e confortable
 

 Noia (A Coruña), 8 de agosto de 2022 O director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert, visitou hoxe o edificio dos xulgados en Noia, nos que está previsto realizar obras de rehabilitación e mellora enerxética cun orzamento superior aos 200.000 euros. O proxecto vén de ser adxudicado e a súa execución se prolongará durante tres meses.

 

Segundo sinalou o director xeral, o obxectivo é poñer á disposición do persoal e da cidadanía un edificio eficiente enerxicamente e que garanta a prestación de servizos nas mellores condicións de confort. Nesta liña, vaise actuar especialmente nos illamentos exteriores e na iluminación.  

 

Así, vanse retirar todas as carpinterías existentes, para a súa substitución por outras novas de castaño laminado e vidro. Tamén se vai reparar a porta de acceso principal e dúas das balconeiras existentes. A maiores, retirarase e substituirase a cuberta, incluídas as carpinterías Velux, así como as luminarias. Cómpre sinalar que a iniciativa se enmarca no Plan especial de protección e reforma interior do casco histórico de Noia.

 

No seu percorrido polas instalacións, José Tronchoni explicoulle o detalle das actuacións á xuíz titular, á letrada da Administración de Xustiza e ao persoal das oficinas xudiciais, ademais de atender as achegas sobre as necesidades detectadas, como a de liberación de espazo nos arquivos. Nesta liña, explicou que xa está previsto facer esta liberación na próxima contratación do Plan de expurgo para a dixitalización dos arquivos xudiciais, que inclúe os xulgados de Noia. O director xeral tamén lle agradeceu ao Concello a oferta de colaboración para acoller provisionalmente os expedientes xudiciais do arquivo mentres duren as obras.

 

Mellora das infraestruturas xudiciais

Así mesmo, José Tronchoni salientou o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas xudiciais, como o investimento de máis de 125 millóns de euros no Plan de Infraestruturas Xudiciais e a creación da Cidade da Xustiza de Vigo, á que se destinaron 42 millóns de euros.

 

A mellora dos recursos materiais complétase co impulso que lle está a dar o Goberno galego á dixitalización nos xulgados galegos a través do Plan tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia, Senda 2025, presupostado en 43 millóns de euros, que se suma aos 50 millóns de euros dos dous Plans Senda anteriores.

[Fonte: Xunta de Galicia]