A Xunta convoca o I Congreso nacional de violencia de xénero para as forzas e corpos de seguridade

Segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, terá lugar en setembro na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp)

Abordará todos os aspectos relacionados co trato coas vítimas a prol de garantir a mellor atención e protección
 

A Estrada (Pontevedra), 22 de xullo de 2022

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) acollerá en setembro o I Congreso nacional de violencia de xénero para as forzas e corpos de seguridade, segundo a convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia. No encontro abordaranse todos os aspectos vinculados co trato coas vítimas a prol de mellorar os recursos destinados á atención inicial e á protección.

 

Así, o contido céntrase en políticas de igualdade e de seguridade, asistencia integral, protección e proceso xudicial para as vítimas, novidades xurídicas, labor de investigación e comunicación.

 

O congreso desenvolverase os días 15 e 16 de setembro, de 10,00 a 19,00 horas, con carácter presencial e dispón de 400 prazas. Xunto a membros das forzas e corpos de seguridade, a asistencia ábrese tamén a persoal dos servizos sociais e centros de información á muller, da Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade e ao público xeral.

 

O prazo de inscrición comeza mañá sábado e remata o 13 de setembro. Deberá facerse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp.

 

Cómpre lembrar que a Academia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, ofrece accións formativas dirixidas ao persoal dos corpos policiais que traballan en Galicia -Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil- en materia de violencia de xénero para optimizar o seu traballo nas intervencións, no ámbito da prevención e na actuación coas vítimas, no funcionamento do sistema Vioxen e no seguimento de casos.

 

A Agasp tamén ten en conta este ámbito no seu plan de formación continua no que cada ano convoca distintos cursos formativos para que as forzas e corpos de seguridade e os servizos de emerxencias da comunidade poidan actualizar os seus coñecementos.

 

[Fonte: Xunta de Galicia]