A Xunta catalogará de forma dixital 1,8M de expedientes de varios arquivos xudiciais de Galicia

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, deu conta hoxe no Parlamento do traballo da Xunta a través do Plan de Expurgo, que permitiu xa liberar espazo dos órganos xudiciais coa retirada de 1,2M de expedientes e 100 pezas de convicción

O Goberno galego actuou o ano pasado sobre outro millón de documentos
 

 

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, anunciou hoxe no Parlamento galego que nos próximos días adxudicarase o contrato que permitirá dixitalizar máis de 20.100 metros lineais de estantes de varios arquivos xudiciais de Galicia. Así, lembrou que Xunta destinou 772.464 euros á contratación do servizo de dixitalización do catálogo dos fondos documentais custodiados nos depósitos dos arquivos. En concreto, 1,8 millóns de expedientes tendo en conta que, de media, hai depositados 80 expedientes en cada metro de estante de arquivo.

Unha vez seleccionados os adxudicatarios do contrato, estes terán un prazo de 6 meses para realizar os traballos. O director xeral de Xustiza lembrou que estas actuacións forman parte do Plan de Expurgación de Galicia co obxectivo de desconxestionar os órganos xudiciais ao ter organizados mediante arquivos dixitais os depósitos documentais para facilitar a súa localización e recuperación e como paso previo ao expurgo, de ser o caso.

Os traballos levaranse a cabo nos partidos de Carballo, Muros, Noia, Padrón e Ribeira, na provincia da Coruña; nos de A Fonsagrada, Becerreá, Chantada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria e Viveiro, na provincia de Lugo; nos do Barco de Valdeorras, O Carballiño, A Pobra de Trives e Bande, na provincia de Ourense; e nos de Caldas de Reis, Lalín, Ponteareas, Redondela, e Vigo, en Pontevedra. Tamén se dixitalizarán arquivos en xulgados de Primeira Instancia e Instrución de Ferrol, Santiago, Vilalba e Verín.

José Tronchoni explicou que o ano pasado a Xunta actuou sobre outro millón de expedientes a través dun acordo da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia para a súa retirada. Trátase de 823.243 documentos na provincia de Pontevedra, 100.222 na de Lugo, 35.405 na de Ourense e os 29.771 restantes na da Coruña. Por tanto, a maior parte corresponden ao distrito xudicial de Vigo debido á entrada en funcionamento da nova Cidade da Xustiza. Entre a documentación estudada inclúense xuízos de faltas ou recursos de apelación, suplicación e dilixencias penais, algúns dos máis antigos do ano 1956. 

No marco deste plan, o director xeral de Xustiza puxo en valor o traballo de expurgación constante levado a cabo polo Goberno galego, que permitiu transferir á Xunta de Expurgación Xudicial máis de 1,2 millóns de expedientes equivalentes a 10 quilómetros lineais, xunto coa destrución dun cento de pezas de convicción en identificar e pertencentes a dilixencias penais arquivadas.

Estes resultados do plan foron posibles grazas á constitución da Xunta de Expurgación en febreiro de 2013, á inmediata posta en marcha dunha experiencia piloto no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e na Audiencia Provincial de Pontevedra e á dotación de persoal técnico aos catro arquivos territoriais das catro provinciais. Para facilitar as tarefas de expurgo de documentación, o Goberno galego puxo a disposición dos órganos xudiciais unha aplicación informática na que segue a avanzar e que garante o rastrexo e localización dos arquivos.

Deste xeito, a Xunta impulsou a elaboración de normas de desenvolvemento para facer efectiva a organización e expurgo da documentación xudicial e dotou de persoal técnico aos 4 arquivos territoriais provinciais, ademais de elaborar unha aplicación informática para a xestión do ciclo de vida dos documentos e expedientes xudiciais e o control das pezas de convicción existentes. Estes traballos permitiron eliminar 100 toneladas de pezas de convicción, o que permite liberar espazo nas sedes xudiciais.

Grazas a todas estas actuacións, máis de 1,2 millóns de expedientes – que equivalen a dez quilómetros lineais- foron transferidos á Xunta de Expurgación Xudicial e aos arquivos históricos provinciais.

O director xeral de Xustiza asegurou que este plan de expurgo na Administración de Xustiza contribúe a facilitar o acceso á documentación dos arquivos xudiciais, conservar de forma adecuada os documentos con valor histórico, organizar a documentación de para que quede mellor ordenada para unha mellor xestión diaria ademais de desconxestionar as instalacións xudiciais gañando máis espazo.

Cómpre lembrar que o proxecto de Expurgo da Documentación Xudicial de Galicia foi recoñecido co Premio á Calidade da Xustiza outorgado polo Consello Xeral do Poder Xudicial como referente na busca da mellora da calidade do servizo público dunha xustiza accesible. Ademais, as actuacións levadas a cabo teñen permitido identificar expedientes de interese histórico para a súa conservación permanente.

[Fonte: Xunta de Galicia]