Fernández-Tapias destaca o esforzo da Xunta para modernizar a administración e dotar a Vigo coa mellor infraestrutura xudicial

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou este mércores na inauguración do XVI Congreso de Letrados da Administración de Xustiza

Vigo, 4 de maio de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, salientou hoxe na inauguración do XVI Congreso de Letrados da Administración de Xustiza a implicación do Goberno galego na modernización xudicial de Galicia e puxo como exemplo a nova infraestrutura que está a construír na cidade.

 

“A Administración galega está a punto de inaugurar a nova Cidade da Xustiza de Vigo tras investir 40 millóns de euros na remodelación do edificio e o traslado das vellas dependencias, demostrando o seu esforzo e compromiso”, sinalou a representante autonómica.

 

O congreso, que se celebrará na sede do Museo Marco, está estruturado en catro mesas redondas para o intercambio de traballos, investigación e experiencias sobre varios temas de interese para o colectivo, no seu traballo e atribucións diarias. 

[Fonte: Xunta de Galicia]