A Xunta prevé solicitar este mes a licenza de primeira ocupación da Cidade da Xustiza

O vicepresidente primeiro e o fiscal superior de Galicia presidiron hoxe a Comisión Mixta da Fiscalía, e posteriormente visitaron a Cidade da Xustiza, para coñecer de primeira man o avance das obras no edificio onde van a traballar os 27 fiscais e os 25 funcionarios da Fiscalía de Área de Vigo

Os fiscais vigueses terán á súa disposición a planta 5ª do edificio que dispón dunha superficie de máis de 2.300 m2, onde estarán ubicados 41 despachos, salas de espera, salas de xuntas, salas de toma de declaracións, unha área de menores e a área do fiscal xefe

A nova infraestrutura acollerá 38 unidades xudiciais e trátase da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu máis de 42M€

Vigo, 14 de xaneiro de 2022.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a Xunta prevé solicitar a licenza de primeira ocupación da Cidade da Xustiza ao concello este mes. A obra supera o 98% de execución.

O vicepresidente primeiro e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron hoxe a Comisión Mixta de Coordinación con Fiscalía, que tivo lugar na delegación territorial da Xunta en Vigo, e posteriormente visitaron xunto aos membros da Comisión, do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias a Cidade da Xustiza, para coñecer de primeira man o avance das obras no edificio onde van a traballar os 27 fiscais e os 25 funcionarios Fiscalía de Área de Vigo.


Os fiscais vigueses terán á súa disposición a planta 5ª do edificio que dispón dunha superficie de máis de 2.300 m2, onde estarán ubicados 41 despachos, salas de espera, salas de xuntas, salas de toma de declaracións, unha área de menores e a área do fiscal xefe.

Alfonso Rueda indicou que a nova infraestrutura acollerá 38 unidades xudiciais e que se trata da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu máis de 42M€ e coa que está a piques de culminar o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 125M€.

Alfonso Rueda lembrou que a rehabilitación do antigo Hospital Xeral para destinalo a ser a sede da nova Cidade da Xustiza iniciouse coa convocatoria dun concurso de ideas do que resultou gañador o arquitecto Alfonso Penela e agora “xa falta menos para que este representativo e emblemático edificio da cidade olívica volva a ter uso e arranque como a gran sede xudicial que Vigo e comarca precisa”.

Unha vez rematadas as obras, a Cidade da Xustiza unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados 38 unidades xudiciais xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga), e a maiores existen espazos dispoñibles para futuros crecementos do partido xudicial de Vigo.

En total, trasladaranse máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza, que terán á súa disposición unha escola infantil de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar.

[Fonte: Xunta de Galicia]