A Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Xunta pon a disposición xudicial un home de 61 anos como presunto autor de dous lumes en Chandrexa de Queixa

Os lumes forestais tiveron lugar no pasado mes de outubro, afectando unha superficie de 0,8 e 0,32 hectáreas de monte raso

Dada a alta incidencia incendiaria no Macizo Central ourensán, este equipo de profesionais continua coas investigacións na zona, polo que non se descartan novas postas a disposición xudicial nos vindeiros meses

Esta Unidade, creada no Pladiga deste ano, está formada por 15 membros da escala de axentes ambientais que están desvinculados das tarefas de extinción, polo que se centran especificamente na investigación dos lumes

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2021.- A Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de esclarecer dous lumes rexistrados no pasado mes de outubro no concello ourensán de Chandrexa de Queixa.
Así, ambos lumes rexistráronse no lugar de Requeixo, na parroquia de San María Madanela. Un deles orixinouse o pasado 14 de outubro ás 13,36 horas e afectou unha superficie de 0,8 hectáreas de monte raso. O segundo deles foi o 19 de outubro ás 19,49 horas e afectou unha superficie de 0,32 hectáreas.
As investigacións realizadas por parte desta unidade, en colaboración co persoal do distrito forestal XIII Valdeorras-Trives, deron como resultado a posta a disposición xudicial dun home de 61 anos -veciño do lugar de Requeixo- como presunto autor destes dous incendios forestais.
Ademais, dada a elevada incidencia incendiaria rexistrada no Macizo Central ourensán, pois entre os anos 2020 e 2021 rexistráronse un total de 11 incendios cunha superficie ardida de 222,59 hectáreas, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais continúa coas investigacións na zona para clarexar as posibles causas desta intencionalidade, polo que non se descartan novas postas a disposición xudicial nos vindeiros meses.
Cómpre apuntar que esta Unidade, creada no Pladiga deste ano, está formada por 15 membros da escala de axentes ambientais, con dependencia directa do director xeral de Defensa do Monte, e que están desvinculados das tarefas de extinción, polo que se centran especificamente e con maior intensidade na investigación dos lumes, como é o caso que nos ocupa.
Por último, a Xunta lembra que arredor do 70% do territorio galego está vixiado por un total de 142 cámaras repartidas por toda a xeografía galega e que permiten salvagardar, detectar e anticiparse aos lumes, ademais de 12 drons cos que persoal da Xunta vixía os montes galegos para detectar conductas incendiarias.

[Fonte: Xunta de Galicia]