A Xunta consolida a mediación como alternativa á resolución de conflitos xudiciais coa renovación da colaboración cos colexios de procuradores

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe co presidente do Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais, Fernando González-Concheiro, o convenio de colaboración, dotado de 25.000€, para levar a cabo este servizo nas xurisdicións do Civil e Mercantil

A Xunta leva investidos máis de 2,3M€ desde 2013 no servizo de mediación xudicial

Alfonso Rueda tamén informou de que a Xunta aumentará nun 15% os pagos aos colexios de avogados e procuradores pola asistencia xurídica gratuíta e incidiu en que o Goberno galego reforza a súa aposta pola quenda de oficio con 13,3M€ nos orzamentos de 2022
 

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2021.- O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou esta mañá co presidente do Consello Galego dos Procuradores e dos Tribunais, Fernando González-Concheiro, o convenio de colaboración a través do que a Xunta destinará 25.000 euros para apoiar os servizos de mediación xudicial en materia civil e mercantil por parte de persoal cualificado dos colexios de procuradores da comunidade. Ao acto tamén acudiu o director xeral de Xustiza, Juan José Martín.
O Goberno galego consolida así a mediación como alternativa á resolución de conflitos xudiciais no ámbito empresarial que correspondan coas xurisdicións Civil e do Mercantil, reforzando a colaboración mantida con este colectivo de forma continuada desde 2014. Ademais, este ano incrementase o apoio respecto aos 21.000 euros do ano pasado.
A Xunta vén tamén de renovar o mes pasado a colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) para manter o acordo que desde 2015 permite impulsar a mediación e outras formas pacíficas de resolución de conflitos como opción alternativa e complementaria ao proceso xudicial. No marco deste convenio renovaranse tamén os acordos cos colexios de avogados da comunidade, a través do Consello da Avogacía Galega, co obxectivo de desenvolver programas de mediación familiar e no ámbito penal.
A maiores, desde 2016 permanece vixente un programa experimental de mediación no ámbito penal posto en marcha pola Xunta co Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da Universidade de Santiago, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio Fiscal e o Colexio de Avogados de Santiago.
Alfonso Rueda lembrou que o Goberno galego aposta desde 2009 por facilitar á cidadanía solucións idóneas na resolución de controversias á marxe da vía xudicial. Para acadar este obxectivo -explicou- é fundamental a coordinación entre institucións, así como o compromiso que nestes anos adquiriron neste ámbito profesionais da Administración de xustiza como membros da carreira xudicial, fiscais, letrados, avogados e procuradores.
Por parte da Xunta, o compromiso coa mediación materializouse en varias experiencias impulsadas desde 2009 para garantir espazos para a resolución de conflitos por esta vía, xunto cun importante investimento de 2,3 millóns de euros desde 2013.

Asistencia xurídica gratuíta

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén lle trasladou hoxe ao presidente do Consello Galego dos Procuradores e dos Tribunais, que a Xunta incrementará nun 15% de media as compensacións económicas aos colexios de avogados e procuradores polas actuacións no ámbito da asistencia xurídica gratuíta. As novas contías estarán vixentes desde o cuarto trimestre deste 2021 cun horizonte temporal de 4 anos.
As melloras supoñen, no caso dos procuradores, o incremento das contías en distintas actuacións como as intervencións ante o Xulgado de Instrución en procedementos abreviados, en xuízos orais penais ou nos procesos de medidas provisionais en materia de familia.
Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego continúa avanzando así na mellora da asistencia xurídica gratuíta, un servizo fundamental para garantir a igualdade de acceso á Xustiza de toda a cidadanía e que se reflicte tamén nos orzamentos da Xunta para 2022 con 13,3 millóns de euros á quenda de oficio. Desde 2009 vense mellorando a prestación da xustiza gratuíta grazas á actualización dos baremos de compensación aos letrados e procuradores, un acordo cos colexios de avogados e procuradores que se mantivo e que se foi actualizando ata o ano 2017, momento no que se revisaron á alza as cantidades indemnizadoras por cada procedemento.
 

[Fonte: Xunta de Galicia]