O novo xulgado do mercantil da Coruña comezará a funcionar o 1 de marzo tralo atraso do Goberno central nos trámites previos

O Goberno galego lamenta que non poda botar a andar antes unha unidade xudicial prioritaria para aliviar a carga de traballo acumulada nos xulgados galegos por mor da Covid-19

A Xunta e o TSXG acordaron solicitar ao Ministerio de Xustiza un novo xulgado do Mercantil na Coruña, así como 2 prazas de maxistrado, unha delas na sección 1ª da Audiencia Provincial de Ourense e outra na mesma sección da Audiencia de Lugo

As prazas de maxistrados nas Audiencias estarán operativas o 31 de decembro

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021.- O novo Xulgado do Mercantil da Coruña comezará a funcionar o 1 de marzo tralo atraso do Goberno central nos trámites previos.
O Ministerio de Xustiza vén de comunicar ao Goberno galego que o Real Decreto de creación das unidades xudiciais correspondentes á programación de 2021 será aprobado previsiblemente o 30 de novembro, o que conleva unha demora nos prazos iniciais que obriga a modificar a posta en marcha deste novo Xulgado do Mercantil na cidade herculina.
A Xunta e o TSXG acordaron solicitar ao Ministerio de Xustiza un novo xulgado do Mercantil na Coruña, así como 2 prazas de maxistrado, unha delas na sección 1ª da Audiencia Provincial de Ourense e outra na mesma sección da Audiencia de Lugo. Estas dúas prazas de maxistrados estarán operativas o vindeiro 31 de decembro.
Foron priorizadas estas novas unidades, para aliviar a carga de traballo dos órganos con máis volume de asuntos en base ás estatísticas do Ministerio de Xustiza. Ademais, no caso do novo xulgado do Mercantil na Coruña cabe destacar a importancia que teñen os novos xulgados nesta xurisdición, xunto coa do social e do contencioso-administrativo, debido á especial incidencia da covid-19.

[Fonte: Xunta de Galicia]