A Xunta detalla ao TSXG a partida orzamentaria destinada á xustiza para o 2022 que acada os 169 M euros

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiron esta mañá a reunión da Comisión Mixta de Xustiza

Alfonso Rueda subliñou que a Xunta seguirá apostando pola modernización da xustiza para garantir o dereito dos cidadáns a un servizo áxil e moderno

No 2022 entrará en pleno funcionamento a Cidade da Xustiza de Vigo, e poñeranse en marcha as obras do novo edificio do Imelga en Santiago e o novo edificio xudicial da Estrada

En materia de modernización tecnolóxica, a Xunta rematará o vindeiro ano o proxecto de dixitalización e a implantación de sistemas de videoconferencia en todos os xulgados galegos

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiron esta maña a Comisión Mixta de Xustiza, onde Alfonso Rueda detallou as principais partidas destinadas á Xustiza galega para o vindeiro ano que acadan un orzamento de 169M euros.
Alfonso Rueda subliñou que a Xunta seguirá apostando pola modernización da xustiza para garantir o dereito dos cidadáns a un servizo áxil e moderno. Con ese obxectivo vanse poñer en marcha as obras da sede central do Imelga en Santiago (2,7 millóns no 2022 dunha contía total de 4,7 millóns) e dos novos xulgados da Estrada (1,4 millóns dun total de 2,4), e entrará en pleno funcionamento a maior obra levada a cabo nunha infraestrutura xudicial en Galicia, a Cidade da Xustiza de Vigo.
Ademais, a Xunta reafirma o compromiso coa asistencia xurídica gratuíta, unha aposta grazas á que Galicia se sitúa actualmente entre os primeiros postos de España no referente ás compensacións aos profesionais da quenda de oficio. Precisamente, este compromiso se reflicte nos orzamentos de 2022, cunha partida de 13,3 millóns de euros específica para a asistencia xurídica gratuíta.
En materia de modernización tecnolóxica está a concretarse o novo Plan Senda 21-25 para seguir consolidando e actualizando a dixitalización da Xustiza galega, cun investimento total de 50 millóns de euros; a catalogación, dixitalización e expurgo dos arquivos xudiciais (987.000 euros) ou a inclusión de 2 millóns do plan plurianual para a renovación de equipamento e mobiliario dos arquivos e oficinas xudiciais. Desta maneira, a Xunta rematará o vindeiro ano o proxecto de dixitalización e a implantación de sistemas de videoconferencia en todos os xulgados galegos.
Ademais, a Xunta traballa na creación de 57 novas prazas de funcionarios de xestión, tramitación e auxilio na dotación de medidas de substitución e reforzo de funcionarios, especialmente as asociadas ao plan COVID .

O vicepresidente primeiro ratificou a aposta da Xunta pola modernización da xustiza, de tal xeito que 1,6M euros destinados a obras menores nos edificios xudiciais galegos. Por outra banda, a Xunta dará continuidade ao proxecto de catalogación dixital de arquivos e a súa transferencia á Xunta de Expurgo (987.000 €) e mantense o apoio á mediación cunha axuda de 245.000 €.
Alfonso Rueda subliñou que estas inversións demostran o interese da Xunta por mellorar e modernizar as infraestruturas xudiciais galegas co obxectivo de “achegar aos cidadáns un servizo máis eficaz e equitativo”. Ás actuacións nas novas infraestruturas se suman as que se están levando a cabo para a climatización e eficiencia enerxética dos edificios xudiciais, así como a mellora da calidade do servizo que se ofrece tanto aos cidadáns en xeral como as vítimas, con actuacións como a posta en marcha das salas de vistas dixitais ou das salas Gesell, que permiten protexer e reservar a identidade de menores ou vítimas da violencia de xénero cando teñen que asistir a unha entrevista ou a unha declaración xudicial.

[Fonte: Xunta de Galicia]