A Xunta incrementou en máis dun 20% o investimento na mediación xudicial para a resolución pacífica de conflitos

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, mantivo hoxe un encontro co decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto Pérez-Cepeda, logo de que a Administración autonómica asinara un convenio cos letrados para a reedición dun programa de mediación penal nos Xulgados da Coruña e nos partidos xudiciais limítrofes

A Xunta leva investidos desde 2013 máis de 2,3M€ ao servizo de mediación xudicial, que destina neste exercicio 15.200 euros ao acordo co Colexio de Avogados da Coruña

Máis dun terzo dos asuntos que os xulgados da área da Coruña derivaron a mediación acadaron un acordo

A Coruña, 11 de outubro de 2021.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, reuniuse hoxe co decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto Pérez-Cepeda, logo de que a Xunta renovara a convenio do programa experimental de mediación penal que desde o ano 2017 se leva a cabo nos xulgados da Coruña e nos partidos xudiciais limítrofes, coa excepción do ano 2020 por mor da pandemia.
O investimento inicial para este convenio era de 12.000 euros, cantidade que este ano viuse incrementada nun 20%, ao ascender a achega da Administración autonómica ata os 15.200 euros.
A través deste acordo, foron derivados a mediación unha vintena de asuntos polos órganos xudiciais da Coruña e de Corcubión, maioritariamente por delitos de lesións, ameazas e coaccións, pero tamén por inxurias, calumnias, danos ou furtos, na maioría dos casos de carácter leve. A iniciativa conta coa decidida implicación de xuíces, fiscais, letrados da Administración da Xustiza e profesionais da avogacía da Coruña.
Máis dun terzo dos asuntos que os xulgados da área da Coruña derivaron a mediación acadaron un acordo, polo que o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, subliñou as vantaxes da mediación no proceso penal e a aposta da Xunta pola resolución pacífica dos conflitos mediante unha figura na que tanto a vítima como o presunto infractor interveñen de modo voluntario e que lle permite á primeira participar activamente na resolución do conflito e na reparación dos danos, mentres que o acusado ten a posibilidade de responsabilizarse do delito e de reparar a súa débeda coa vítima e coa sociedade.

Iniciativas mediadoras

A Xunta leva anos apostando pola mediación, ao entender que constitúe unha canle fundamental na resolución dos conflitos como mecanismo complementario ao proceso xudicial e que é unha peza clave na modernización da Xustiza e no achegamento da xustiza á cidadanía, por iso desde o ano 2013 levou a cabo unha serie de actuacións no ámbito da mediación xudicial nas que leva investido máis de 2,3 millóns de euros.
Desde o ano 2015 estableceuse un marco estable de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Consello Xeral do Poder Xudicial para o impulso, promoción e divulgación da mediación e doutras prácticas de resolución de conflitos, unha iniciativa que foi renovada recentemente.
Pero ademais, a mediación estendeuse ao ámbito de familia, ao mercantil e á seguridade viaria, e desde o ano 2016 permanece vixente un programa experimental de mediación no ámbito penal posto en marcha pola Xunta en colaboración co Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da Universidade de Santiago, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio Fiscal e o Colexio de Avogados de Santiago.

[Fonte: Xunta de Galicia]