A Xunta investirá máis de 65.000 euros en melloras no Pazo da Xustiza e na Fiscalía de Menores de Ourense

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, comprobou os traballos feitos na climatización da sección 2ª da Audiencia Provincial e visitou a sección de Menores, na que se vai traballar para mellorar a atención das vítimas

As obras previstas súmanse ás realizadas nos últimos anos por valor de 220.899 euros

Ourense, 5 de outubro de 2021.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe o Pazo da Xustiza de Ourense para comprobar as obras que se están levando a cabo para a climatización da sección 2ª da Audiencia Provincial e coñecer de primeira man os traballos que se van levar a cabo na sección de Menores para mellorar a atención das vítimas.

Nun percorrido polas instalacións xudiciais no que Juan José Martín estivo acompañado polo presidente da Audiencia Provincial, Antonio Piña, e pola fiscal xefa de Ourense, Eva Regueiro, o director xeral de Xustiza avanzou que a finais da vindeira semana rematarán as obras de instalación do equipamento para a climatización dos despachos da sección 2ª da Audiencia Provincial no segundo andar do edificio. Cun investimento de 47.448 euros, eran as actuacións que restaban para climatizar as dependencias xudiciais do edificio.

Por outra banda, a Dirección Xeral de Xustiza, dependente da Vicepresidencia primeira da Xunta, ten previsto executar obras na Fiscalía de Menores de Ourense, no último andar do Pazo da Xustiza. Segundo avanzou Juan José Martín, os traballos permitirán mellorar as dependencias que ocupa o persoal, así como habilitar locais separados como zona de espera dos menores e das vítimas, “co que se garantirá a súa privacidade e intimidade”. Está previsto que estas obras arranquen o vindeiro día 18, unha vez resoltos os trámites administrativos e de contratación.

As obras previstas vanse completar coa reparación de dependencias deterioradas, con traballos de pintura no Xulgado de Menores e con actuacións varias no quinto andar do Pazo da Xustiza. Os traballos na Fiscalía de Menores e no Xulgado de Menores teñen un investimento de 17.908 euros, que sumados aos 47.448 das obras de climatización supoñen un total algo máis de 65.000 euros en melloras.

As actuacións a piques de rematar e as que agora se van poñer en marcha completan a partida de 220.899 euros destinada nos últimos anos a obras de reubicación e acondicionamento das dúas seccións da Audiencia, ao equipamento dunha sala de formación e á adaptación de espazos para unha sala de prensa e para o arquivo provincial, entre outras melloras realizadas no edificio.

O Pazo da Xustiza de Ourense botou a andar no ano 2015 e alberga as dúas seccións da Audiencia Provincial, o Xulgado de Menores e a sección de Menores da Fiscalía Provincial. Esta infraestrutura completouse coa posta en marcha da Comisaría da Policía Autonómica, independente das dependencias xudiciais.

[Fonte: Xunta de Galicia]