A Xunta aposta por unha Xustiza dixital e accesible coa que garantir un servizo eficiente aos cidadáns

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou esta mañá na presentación das XIV Xornadas Xurídicas de Sarria, que se centran nesta edición na igualdade de xénero na Administración de Xustiza

Destacou que este encontro sitúa a Galicia no centro do debate xurídico a nivel estatal

Sarria (Lugo), 1 de decembro de 2021.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta para contar cunha Administración de Xustiza dixital e accesible coa que garantir un servizo eficiente á cidadanía a través da dotación de recursos tecnolóxicos e a posta en marcha de novas infraestruturas. Así o sinalou durante a inauguración das XIV Xornadas Xurídicas Román García Varela de Sarria, que este ano se centran na igualdade de xénero no ámbito xurídico.

Na inauguración tamén participaron o presidente do Tribunal Constitucional (TC), Juan José González; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde; o presidente da Deputación provincial de Lugo, José Tomé, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; así como os directores das xornadas, o catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa e o letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela. Ao acto asistiu ademais o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Juan José Martín destacou na súa intervención o traballo levado a cabo desde 2009 pola Xunta para modernizar a Administración de Xustiza a través do I e o II Plan Senda, cun investimento de máis de 50 millóns de euros para implantar a administración electrónica xudicial en Galicia e seguir avanzando nos próximos anos dando resposta á demanda dunha xustiza cada vez máis dixital e accesible.

Tamén lembrou a necesidade de acompañar estas melloras no ámbito da modernización tecnolóxica coa posta en marcha de infraestruturas xudiciais adecuadas. Deste xeito, o Goberno galego leva investidos máis de 123 millóns de euros na construción de novas sedes xudiciais e na mellora das xa existentes no marco do Plan de Infraestruturas Xudiciais. Así, destacou que este plan culminará este ano coa súa maior obra, a Cidade da Xustiza de Vigo, que supuxo unha achega de 42 millóns de euros e acollerá 38 unidades xudiciais nunhas instalacións de 44.000 metros cadrados.

O director xeral de Xustiza incidiu ademais en que estas xornadas que acolle ata mañá o concello de Sarria sitúan a Galicia no centro do debate xurídico a nivel estatal, ao igual que hai unha semana o foi Mariñán coa Escola de Verán do Poder Xudicial. Resaltou o nivel dos participantes nestas xornadas que o concello organiza desde hai 14 anos e deulle a benvida neste Xacobeo 21-22 a este municipio moi vinculado ao Camiño de Santiago e estes días tamén centro de debate e reflexión sobre asuntos xurídicos de relevancia nacional.

En canto á temática desta edición, Juan José Martín sinalou que a igualdade de xénero e o obxectivo de acadar a igualdade efectiva entre mulleres e homes ten que darse en tódolos ámbitos, incluíndo a Administración de Xustiza.

As xornadas xurídicas teñen lugar na Casa da Cultura de Sarria e entre hoxe e mañá contarán con poñentes como o presidente da Audiencia Nacional, José Ramón Navarro; a maxistrada do Tribunal Supremo, Ana María Ferrer; a presidenta da Comisión de Igualdade no Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX),Clara Martínez Careaga; Carmen Roda, funcionaria do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos das Nacións Unidas en Xenebra; o fiscal delegado de Discapacidade de Galicia, Santiago Miguel Cruces; o conselleiro de Estado, Fernando Ledesma; o presidente da Audiencia Provincial da Coruña, Ignacio Picatoste; a vicepresidenta do TC, María Encarnación Roca; e o exministro de Xustiza Juan Carlos Campo, entre outros.

[Fonte: Xunta de Galicia]