A sala Gesell dos xulgados de Lugo garante a protección das testemuñas vulnerables e vítimas nas súas declaracións

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe as instalacións e tamén a sala de declaracións e videoconferencias instalada no xulgado de garda do edifico xudicial

Este espazo permite que a testemuña non teña contacto visual coa sala desde a que o xuíz, fiscal e as partes realizan as preguntas e poida declarar con tranquilidade por videoconferencia nun ambiente relaxado

Lugo, 16 de setembro de 2021.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe a sala Gesell instalada o pasado agosto no edificio xudicial de Lugo. Desde esta sala, as testemuñas menores de idade e outras persoas especialmente vulnerables como persoas con discapacidade ou vítimas de delitos graves poden declarar en privacidade sen ter que estar no mesmo espazo que os demais participantes do proceso.
Tamén visitaron a nova sala de declaracións e videoconferencia no xulgado de garda de Lugo para favorecer a realización de exhortos, comparecencias ou declaracións facilitando a participación de forma telemática nestes actos, así como a súa gravación a través do sistema eFidelius para a súa incorporación ao expediente xudicial electrónico.
A rede de videoconferencias, está implantada en todos os partidos xudiciais de Galicia, tanto en salas de vistas dixitais como noutras dependencias como os xulgados de garda. O obxectivo da Xunta é dotar neste ano e ao longo de 2022 a cada cidade ou partido xudicial de 3 ou máis órganos de entre 1 e 3 ubicacións que sirvan como sala de declaracións con capacidade para a gravación de actos xudiciais e celebracións de videoconferencia.
Á visita acudiron tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; a xuíz decana de Lugo, Olalla Díaz; o fiscal xefe provincial, Roberto Breznes; a secretaria coordinadora provincial, Carmen Varela; e a subdirectora do Imelga en Lugo, Juana López.
Na sala Gesell de Lugo, a Xunta dotou de mobiliario á zona de exploración na que a testemuña ou vítima se atopa acompañada de persoal do equipo psicosocial do Imelga para crear un ambiente relaxado e agradable cunha decoración que non lembrase a un xulgado. Tamén instalou o equipamento tecnolóxico -ordenador portátil, cámara web, micrófono inalámbrico, auricular intraural e sistema de videoconferencia a través da plataforma CiscoWebex- necesario para interatuar con calquera xulgado ou fiscalía no ámbito da subdirección do Imelga que recibe a sinal da cámara.
Nesta outra denominada zona de observación, o xuíz, o fiscal e os letrados da Administración de Xustiza e das partes poden establecer comunicación co entrevistador que acompaña ao menor ou vítima na outra sala e que, desta forma, poderá declarar con tranquilidade sen contacto visual coa outra zona.
O Goberno galego xa ten instaladas salas deste tipo nos edificios xudiciais de Ourense, Santiago e Lugo e avanza na súa posta en marcha en Pontevedra e na Cidade da Xustiza de Vigo, así como nos xulgados da Coruña e Ferrol. O obxectivo da Xunta é dotar destas instalacións ás sedes xudiciais das cidades, en concreto onde se atopan as subdireccións do Imelga, xa que os profesionais que atenden aos menores ou vítimas na sala forman parte dos equipos psicosociais deste organismo encárganse de levar a cabo as exploracións e entrevistas destes casos.
Para avanzar precisamente na implantación das salas Gesell na comunidade, a Administración autonómica reservou 150.000 euros nos orzamentos deste ano destinados a estas actuacións.
O director xeral de Xustiza incidiu que este recurso axuda a evitar a vitimización secundaria das testemuñas vulnerables e vítimas e prever a peregrinaxe a través do sistema xudicial con declaracións sucesivas ante a policía, o xuíz de instrución, o médico forense e psicólogos e, por último, o xuízo oral, declarando desta forma unha soa vez.

[Fonte: Xunta de Galicia]