A Xunta habilita unha sala Gesell nos Xulgados de Santiago para garantir a declaración de vítimas testemuñas vulnerables en condicións de protección e privacidade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe este espazo acondicionado que conta cunha zona de exploración e outra de observación conectadas mediante un sistema de videoconferencia

Xa están implantadas salas deste tipo nos xulgados de Ourense e Lugo, ás que se sumarán tamén outras en Pontevedra e na Cidade da Xustiza de Vigo e xa se traballa para implantalas en A Coruña e Ferrol

O Goberno galego reservou nos orzamentos deste ano 150.000 euros para dar continuidade ao compromiso para dotar destas instalacións ás sedes xudiciais das cidades onde se atopan as subdireccións do Imelga

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe xunto do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, a sala Gesell instalada no edificio xudicial de Santiago que permite que as testemuñas menores de idade e as vítimas especialmente vulnerables e protexidas poidan declarar en condicións de protección e privacidade.
A Xunta da así continuidade ao compromiso para dotar de xeito progresivo destas instalacións nas sedes xudiciais das cidades onde se atopan as subdireccións do Instituto de Medicina Legal (Imelga), tendo que en conta que os seus equipos psicosociais son os que levan a cabo as exploración e entrevistas nestes casos. De feito, nos orzamentos deste ano o Goberno galego reservou unha partida de 150.000 euros para estas actuacións.

No caso da sala coa que conta o edificio xudicial compostelán, a Xunta dotou de equipamento tecnolóxico -equipo informático, cámara web, micrófono inalámbrico, auricular intraural e sistema de videoconferencia que permite a gravación da sinal audiovisual-, así como o acondicionamento do espazo e a instalación de mobiliario.

A sala Gesell situada nos xulgados de Santiago súmase ás xa habilitadas en Ourense e Lugo e en breve dotarase de mobiliario á de Pontevedra no edificio da Parda que xa está acondicionada e a Cidade da Xustiza de Vigo tamén contará con espazos deste tipo cando rematen as obras. O Goberno galego tamén avanza na mesma liña para implantalas nos edificios xudiciais da Coruña e Ferrol.

Alfonso Rueda incidiu na importancia destes espazos para evitar a vitimización secundaria e momentos traumáticos ás testemuñas menores de idade e doutras persoas especialmente vulnerables como persoas con discapacidade ou que necesitan especial protección, así como vítimas de violencia de xénero.

Así, destacou que estas salas supoñen un chanzo máis para facer a xustiza máis humana e protexer aos que máis o precisan ofrecéndolles un lugar cun ambiente amigable e familiar que non recorda a un xulgado. Ao mesmo tempo, evítase que a vítima, sobre todo nos delitos de especial gravidade, sufra esa peregrinaxe polo sistema xudicial sen que teña que declarar ante policía, o xuíz de instrucción, o médico forense, os psicólogos e tamén no xuízo oral.

A Xunta cumpre desta maneira as recomendacións da Directiva Europea sobre vítimas e a normativa estatal que obriga a brindar ás persoas especialmente vulnerables un trato específico que lles permita testificar en condicións que garantan a súa protección e respeten a súa privacidade.

A sala Gesell de Santiago, ao igual que as xa habilitadas en Ourense e Lugo, conta cunha zona de exploración cunha decoración agradable onde a vítima está acompañada por un psicólogo; mentres que na outra zona de observación o xuíz, o Ministerio fiscal e os letrados das partes poderán interrogar ás testemuñas. Ambas zonas están conectadas mediante un sistema de videoconferencia sen que a testemuña teña contacto visual coa outra zona e, por tanto, poida declarar con total tranquilidade nun ambiente relaxado.

A conexión entre a zona de exploración e a de observación pódese redirixir a outra sala do edificio xudicial ou a outros xulgados do mesmo ou doutros partidos xudiciais do ámbito da subdirección do Imelga que teñan sistema de gravación de vistas coa sinatura dixital eFidelius, un dispositivo operativo na totalidade dos xulgados da comunidade.

[Fonte: Xunta de Galicia]