A Xunta mantén o compromiso coa mediación como solución alternativa para a resolución de conflitos

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe na presentación dunha nova edición da “Guía de Peritos Xudiciais e Mediadores de Galicia” elaborada pola Unión Profesional de Galicia

O Goberno galego apoia esta publicación que permitirá axilizar o traballo dos tribunais galegos, ao contar con máis de 2.000 profesionais colexiados aos que poderán recorrer cando requiran auxilio pericial

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe na presentación da undécima edición da Guía de Peritos Xudiciais e Mediadores de Galicia, onde destacou o compromiso da Xunta coa mediación como solución alternativa para a resolución de conflitos evitando chegar ao procedemento xudicial.

Juan José Martín sinalou que a mediación supón importantes beneficios para os cidadáns, porque permite restablecer vías de diálogo interrompidas e rebaixar a conflitividade, o que resulta de especial relevancia naqueles casos nos que é preciso manter unha relación futura entre as partes despois da resolución do conflito.

O Goberno galego investiu máis de 2 millóns de euros desde a posta en marcha en 2009 deste sistema, que na actualidade está implantado en tódalas cidades galegas e en partidos xudiciais limítrofes. Juan José Martín engadiu que se trata dunha vía necesaria para que a xudicialización non supoña unha carga adicional para os xulgados nas materias nas que a súa intervención non sempre está xustificada.

Ademais, sinalou o apoio da Xunta a publicación da Guía de Peritos Xudiciais e Mediadores de Galicia, elaborada pola Unión de Profesionais de Galicia, que reúne aos peritos de diversas especialidades e mediadores á disposición da xustiza.

O manual permitirá, como asegurou o director xeral de Xustiza, axilizar o traballo dos tribunais galegos cando precisen solicitar auxilio pericial, xa que a guía conta con máis de 2.000 profesionais colexiados ou asociados que poñen os seus coñecementos técnicos ao servizo do Consello Xeral do Poder xudicial.

O director xeral de Xustiza salientou a labor dos colexios profesionais pola súa participación na produción lexislativa a través de informes técnicos e periciais e ditames sobre a normativa que lles afecte. A Xunta considera imprescindible contar co asesoramento cos colexios profesionais porque os asuntos cada vez máis complexos que chegan aos xulgados requiren de coñecementos científicos, técnicos e prácticos para que o xuíz poida facer una correcta valoración das circunstancias no asunto a enxuízar.

A Xunta considera que a Unión de Profesionais de Galicia é unha voz cualificada na relación cos colexios galegos, xa que agrupa a máis de 40 colexios profesionais de ámbito autonómico e unha trintena de titulacións universitarias, e representa a máis de 60.000 profesionais que exercen o seu labor na comunidade galega.

[Fonte: Xunta de Galicia]