A Xunta comezará en xullo a primeira fase do traslado da Cidade da Xustiza co equipamento do mobiliario

A nova infraestrutura acollerá 38 unidades xudiciais e trátase da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu máis de 42M€

Con esta obra culmina o Plan de Infraestruturas Xudiciais posto en marcha polo Goberno galego, dotado con máis de 115M€

A segunda fase, a do traslado do persoal e xulgados, comezará unha vez rematadas as obras e obtida a licencia de primeira ocupación e implicará o movemento de dous xulgados por semana

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe en rolda de prensa o plan de traslado das unidades xudiciais de Vigo á Cidade da Xustiza, do que a primeira fase dará comezo xa no mes de xullo co equipamento do mobiliario.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, acompañado do director de Xustiza, Juan José Martín, e da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou no acto de presentación do Plan de Traslado onde indicou que a nova infraestrutura acollerá 38 unidades xudiciais e que se trata da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu máis de 42M€ e coa que culmina o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 115M€.

Alfonso Rueda lembrou que a rehabilitación do antigo Hospital Xeral para destinalo a ser a sede da nova Cidade da Xustiza iniciouse coa convocatoria dun concurso de ideas do que resultou gañador o arquitecto Alfonso Penela e agora “xa falta menos para que este representativo e emblemático edificio da cidade olívica volva a ter uso e arranque como a gran sede xudicial que Vigo e comarca precisa”.

A segunda fase, a do traslado do persoal e xulgados, comezará unha vez rematadas as obras e obtida a licencia de primeira ocupación e implicará o movemento de dous xulgados por semana.

Unha vez rematadas as obras, a Cidade da Xustiza unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados 38 unidades xudiciais xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga), e a maiores existen espazos dispoñibles para futuros crecementos do partido xudicial de Vigo.

En total, trasladaranse máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza, que terán á súa disposición unha gardería de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar.

[Fonte: Xunta de Galicia]