A Xunta remata as obras da gardería na Cidade da Xustiza e ultima as plantas da torre que albergarán os xulgados

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, visitou xunto con representantes do Colexio de Avogados e o Colexio de Procuradores de Vigo os avances nas obras da Cidade da Xustiza

A infraestrutura acollerá 38 unidades xudiciais que se trasladarán ao longo deste ano

Trátase da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu 42M€ e coa que culmina o seu Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 115M€

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou esta mañá xunto con representantes do Colexio de Avogados e o Colexio de Procuradores de Vigo os avances nas obras da Cidade da Xustiza.
Juan José Martín indicou que as obras da gardería están xa rematadas así como as relativas á estrutura e instalacións do parking. Estase traballando no interior do edificio anexo, da torre, onde xa hai plantas practicamente ultimadas, e dos espazos que albergarán a zona da policía, o Imelga, as salas de macroxuizos ou as salas de vistas. No último mes incrementouse o persoal na obra ata acadar os 260 traballadores diarios en quendas das 07,00 ás 23,00 horas e os sábados pola mañá.
Continúase con diversas actuacións como a colocación de carpintería interior, a colocación de ventás e de distribución do espazo no espazo que ocupará o Imelga e a execución das instalacións das plantas que albergarán as salas de vistas. En canto ao edificio da torre, traballase na montaxe de varios ascensores e nas fachadas, que tamén se están a instalar as carpinterías exteriores das H´s, que xa teñen rematada a súa estrutura.
A infraestrutura acollerá 38 unidades xudiciais que se trasladarán ao longo deste ano. Trátase da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu 42M€ e coa que culmina o seu Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 115M€

[Fonte: Xunta de Galicia]