As obras da Cidade da Xustiza chegan aos 260 traballadores diarios en quendas das 07,00 ás 23,00 horas

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acompañou ao presidente da Audiencia Provincial pontevedresa, Javier Menéndez, e a un grupo de maxistrados das súas 2 seccións na visita ao edificio que unificará os órganos xudiciais da cidade

Os traballos avanzan segundo o previsto co remate das estruturas do parking e con actuacións no interior no edificio anexo, da torre e nos espazos que albergarán a zona da policía, o Imelga, as salas de macroxuízos ou as salas de vistas

A infraestrutura acollerá 38 unidades xudiciais que se trasladarán ao longo deste ano

Trátase da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu 42M€ e coa que culmina o seu Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 115M€

Vigo, 25 de maio de 2021.- As obras da Cidade da Xustiza de Vigo avanzan segundo as previsións co remate das estruturas do parking e o edificio anexo mentres se segue a avanzar nos traballos interiores no edificio da torre, onde xa hai plantas practicamente rematadas, xunto con outras dependencias como a zona da policía, a sala de macroxuizos ou a gardería. No último mes incrementouse o persoal na obra ata acadar os 260 traballadores diarios en quendas das 07,00 ás 23,00 horas e os sábados pola mañá.

Maxistrados das 2 seccións da Audiencia Provincial de Pontevedra, que tamén se trasladará a este edificio, e o presidente deste órgano, Javier Menéndez, comprobaron hoxe a evolución dos traballos nunha visita ao edificio co director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o arquitecto do proxecto, Alfonso Penela. A Xunta xa presentou nas últimas semanas a representantes de xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza os avances na rehabilitación do antigo Hospital Xeral, aonde se trasladarán ao longo deste ano.

Unha vez rematadas as obras, a Cidade da Xustiza unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados 38 unidades xudiciais xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga). En total, trasladaranse máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza, que terán a súa disposición unha gardería de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar.

Nestes meses rematáronse as estruturase e cerramentos para comezar coas actuacións no interior. Deste xeito, están rematadas as instalacións na zona do parking, o que permitiu iniciar a estrutura que cubrirá a zona destinada á policía e tamén da sala de macroxuizos da que só falta a instalación do vidro e na zona do vestíbulo de acceso ao edificio, onde se iniciará a colocación de fachadas.

Ademais, continúanse con diversas actuacións no edificio anexo cos traballos de colocación do chan unha vez definida a súa distribución, así como da carpintería interior na gardería, a colocación de ventás e a distribución no espazo que ocupará o Imelga e a execución das instalacións das plantas que albergarán as salas de vistas. En canto ao edificio da torre, traballase na montaxe de varios ascensores e nas fachadas, que tamén se están a instalar as carpinterías exteriores das H´s, que xa teñen rematada a súa estrutura.

A infraestrutura contará cunhas instalacións modernas como as salas de autopsias con nivel de bioseguridade BSL-3 do Imelga ou as 31 salas de vistas habilitadas para realizar as comparecencias, xunto coas salas de videoconferencia das oficinas do decanato. O xulgado de garda e o xulgado de Violencia sobre a Muller disporán de dependencias independentes.

Con esta obra, a Xunta culmina o seu Plan de Infraestruturas Xudiciais no que investiu máis de 115 millóns de euros nos últimos anos para renovar as sedes xudiciais existentes e poñer en marcha outras novas co obxectivo de dar resposta ás necesidades estruturais da planta xudicial galega actuais e futuras. A Cidade da Xustiza supuxo un investimento de 42 millóns de euros, case o 40% do orzamento total do Plan, na que é a obra xudicial máis importante na historia da comunidade.

[Fonte: Xunta de Galicia]