A Xunta renova a colaboración con FADEMGA Plena Inclusión para adaptar as sentenzas a lectura fácil a persoas con discapacidade intelectual

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, asinou hoxe o acordo coa vicepresidenta da asociación, Mª Carmen González Lagarón co obxectivo de mellorar o acceso á xustiza destas persoas

O proxecto levarase a cabo en 10 xulgados de Primeira Instancia e de Instrución da comunidade galega

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a vicepresidenta da Federación galega de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión) asinaron hoxe a renovación do convenio entre a Xunta e a asociación para apoiar o proxecto de adaptación de sentenzas e doutros documentos xudiciais a lectura fácil para persoas con discapacidade intelectual co obxectivo de mellorar o seu acceso á xustiza.

O Goberno galego financia esta iniciativa cunha axuda de 10.000 euros, que permitirá desenvolver o proxecto en 10 xulgados de Primeira Instancia e Instrución da comunidade: o nº1 e o nº6 de Santiago de Compostela, o nº6 de Ourense, o nº12 e o nº15 de Vigo, o nº5 de Pontevedra, xunto cos catro tribunais desta xurisdición no concello de Cambados. Este convenio comezou en 2018 cun proxecto piloto no Xulgado de Primeira Instancia nº6 de Santiago de Compostela, especializado en dereito de Familia, ao que se foron sumando máis órganos xudiciais.

A través deste acordo, a Xunta colabora con Fademga Plena Inclusión no seu programa Adaptación de sentenzas a lectura fácil, do que se lles informa aos interesados durante o proceso xudicial para que soliciten o servizo. Así, os técnicos de Fademga adaptan a este sistema os documentos xurídicos correspondentes, de xeito que sexan accesibles ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e con dificultades na comprensión lectora.

O director xeral de Xustiza destacou o compromiso da Xunta cunha Administración da Xustiza inclusiva e accesible para toda a cidadanía. Nesta liña, incidiu na importancia de garantir o acceso á xustiza en igualdade de condicións ás persoas que poden presentar maiores dificultades para entender os procesos xudiciais e os seus resultados coa posta en marcha dos mecanismos necesarios coma este programa.

[Fonte: Xunta de Galicia]