A Xunta xa habilitou o espazo e a dotación dos 8 funcionarios e do material do novo xulgado do social da Coruña que comezará a funcionar o próximo mércores

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín visitou hoxe xunto co presidente do TSXG, José María Gómez y Diaz-Castroverde as instalacións do novo xulgado nº7 do Social na antiga sede da Audiencia Provincial

A Xunta destinou 850.000 euros á posta en marcha deste órgano xudicial, xunto co nº7 de Vigo e o nº4 de Lugo, tanto coa aprobación das 24 prazas de funcionarios para os tres xulgados como coa instalación de mobiliario e equipamento informático

O Goberno galego destaca a prioridade destas tres unidades xudiciais para axilizar a carga de traballo da xurisdición do Social agravada polos Ertes e despidos debido ao impacto da crise derivada da covid-19
 

A Coruña, 26 de marzo de 2021- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe xunto co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Diaz-Castroverde, a sede do novo xulgado do Social da Coruña, que comezará a funcionar o próximo mércores na antiga sede da Audiencia Provincial na rúa Capitán Juan Varela.
O xulgado n º7 do Social da Coruña contará con 8 prazas de funcionarios e xa conta con todo o mobiliario e o equipamento informático necesario para botar a andar a próxima semana, despois das actuacións levadas a cabo pola Xunta para habilitar este espazo.
Tamén asistiron ao acto o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o xuíz decano dos xulgados da Coruña, Luis Pérez Merino; a secretaria de Goberno do TSXG, Concepción Otero Piñeiro; e a secretaria de coordinación provincial da Coruña, María José Gil Taboada.


A Xunta investiu 850.000 euros na creación dos 3 novos xulgados do Social aprobados para Galicia –o nº7 da Coruña xunto co nº7 de Vigo e o nº4 de Lugo- que estarán operativos desde o mércores. Cada xulgado conta cun cadro persoal de 2 xestores, 4 tramitadores e 2 auxilios co obxectivo de asignar a estes órganos xudiciais os postos necesarios para dotalos dunha plantilla suficiente para desenvolver as súas funcións. Isto supón en total 6 prazas de xestores, 12 de tramitadores e 6 de auxilios. O nomeamento de xuíces, fiscais e letrados da Administración depende do Ministerio de Xustiza.

En total, 24 prazas de funcionarios aprobadas pola Xunta que supoñen, con 722.000 euros, o 85% do custo total da posta en marcha destas tres unidades xudiciais. Ademais, o investimento completouse coa dotación de mobiliario e material informático.

O Goberno galego considera prioritario nestes momentos a súa posta en marcha para axilizar o traballo na xurisdición do Social. Trátase dunha das que maior carga ten polo que é preciso darlle saída canto antes aos asuntos pendentes e aos que poidan entrar. Ademais, debido á situación de crise económica derivada da covid-19, moitos deles como poden ser Ertes ou despidos, afectan a miles de familias galegas.

A posta en marcha destes xulgados foi aprobada polo Ministerio de Xustiza tras a petición da Xunta consensuada co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a través da Comisión Mixta de Xustiza.

Tamén no marco da Comisión Mixta, a Xunta e o TSXG solicitaron este mes ao Ministerio de Xustiza as unidades xudiciais correspondentes a 2021 tendo en conta a carga de traballo dos órganos co máis volume de asuntos. A proposta inclúe no caso da Coruña a creación dun novo xulgado do Mercantil, ao que se suman 2 prazas de maxistrado, unha na Audiencia Provincial de Ourense e outra na de Lugo.

Por outra parte, a Xunta xa traballa na segunda fase do plan de choque e de axilización xudicial que se levará a cabo neste exercicio na xurisdición contecioso-administrativa. A primeira fase deste plan, posta en marcha o pasado xuño e na que o Goberno galego investiu máis de 1 millón de euros, centrouse precisamente na actualización do traballo suspendido polo Estado de Alarma nas xurisdición do Social e do Mercantil coa creación de novos xulgados.
 

[Fonte: Xunta de Galicia]