O anteproxecto da Lei do Xogo dá un paso máis na súa tramitación coa aprobación por unanimidade na Comisión de Xogo

O texto ten que seguir a súa tramitación e ser informada por distintos organismos antes de poder ser remitida ao Parlamento

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020.- A Comisión de Xogo, na que toman parte representantes da Xunta e do sector, aprobou hoxe por unanimidade o texto do anteproxecto da Lei de Xogo, que dá así un paso máis na súa tramitación. A reunión foi presidida hoxe polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

Cómpre ter en conta que o anteproxecto ten aínda que seguir a súa tramitación, incluído un informe da Comisión Europea, antes de poder ser remitida ao Parlamento galego.

O novo texto lexislativo permitirá actualizar a anterior Lei –que foi aprobada en 1985- coa premisa de adaptala os tempos actuais e aos novos modelos de xogo. O Goberno galego pretende que a norma conte co máximo consenso e, por iso, está sendo elaborada tendo en conta as achegas de todos os sectores aos que pode afectar esta normativa.

Un dos obxectivos desta Lei é regular un xogo responsable, de aí que inclúa a obrigatoriedade de que todos os establecementos de xogo deban ter control de acceso para evitar a entrada de menores e das persoas que figuran de forma voluntaria no Rexistro de Prohibidos.

O texto tamén se centra en regular a publicidade; establecer os dereitos e obrigas dos usuarios e empresas de xogo; crear un Observatorio galego do xogo; modificar o réxime sancionador para adaptalo á situación actual; ou fixar que unha porcentaxe dos ingresos das sancións se destine á prevención do xogo patolóxico e á asistencia a estas persoas.

[Fonte: Xunta de Galicia]