A Xunta investirá 10.000 euros na rehabilitación e na dotación de equipamento do xulgado de paz de Ponteceso

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, asinou hoxe co alcalde un convenio de colaboración para levar a cabo estas actuacións que repercutirán en ofrecer un servizo de calidade aos cidadáns

Ponteceso (A Coruña), 4 de novembro de 2020.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, asinou hoxe co alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, un convenio de colaboración mediante o que a Xunta investirá 10.000 euros na rehabilitación e en dotar do equipamento necesario ás oficinas do xulgado de Paz.

A Xunta asinou co concello un convenio de colaboración para levar a cabo estas actuacións co obxectivo de que o persoal da Administración de Xustiza poida ofrecer un servizo de calidade aos cidadáns. Esta iniciativa inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego, dentro das súas competencias, para modernizar e mellorar a Administración de Xustiza.

Ao respecto, destacan avances importantes como o Plan de infraestruturas xudiciais, no que se levan investidos 115 millóns de euros; o Plan de Renovación de Mobiliario en oficinas e despachos e coa instalación de armarios rodantes nos arquivos, que suman un investimento de case 5 millóns de euros ata 2021; a mellora da seguridade das sedes xudiciais, que dispón dun investimento de 1,5 millóns de euros para renovar os equipamentos das cidades e vilas de 3 ou 4 xulgados; ou o Plan Senda 2020, cunha dotación de 50 millóns de euros desde 2009, que facilitou que Galicia xa teña en marcha as pezas necesarias para poñer en marcha o Expediente Xudicial Electrónico.

[Fonte: Xunta de Galicia]