A Xunta colabora coa FAXPG nun servizo de atención permanente para garantir o acceso das persoas xordas e xordocegas á Administración de Xustiza

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe co presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha, o convenio de colaboración para poñer en marcha este servizo

O acordo garante a dispoñibilidade dun intérprete de lingua de signos para acompañar ás persoas con discapacidade auditiva e xordocegas que o soliciten cando teñan que relacionarse con algún órgano xudicial

A Coruña, 27 de outubro de 2020.- O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha, para a prestación do servizo de intérpretes en lingua de signos e de guías-intérpretes destinado a persoas xordas e xordocegas no seu acceso á Administración de Xustiza.

Trátase dun novo servizo de atención permanente operativo tódolos días do ano que garanta que sempre haxa dispoñible un intérprete en lingua de signos para que, no prazo máximo de tres horas desde a solicitude, poida acompañar ás persoas con discapacidade auditiva e xordocegas que o requiran nas súas xestións ante os servizos xudiciais.

“Xa tiñamos un sistema de intérpretes de lingua de signos para actos xudiciais, pero queríamos perfeccionalo”, explicou Alfonso Rueda. Este convenio ten como obxectivo que as persoas xordas e xordocegas “como calquera cidadán, teñan a dispoñibilidade de alguén que estea de garda sempre por se nalgún momento precisa un profesional, por exemplo, para un acto un fin de semana nos xulgados de garda”. Así, precisou que este convenio vén a solucionar esta situación e “ao igual que hai avogados da quenda de oficio a disposición un fin de semana, tamén debe haber intérpretes”.

Deste xeito, o Goberno galego asume, a través deste acordo, o custo das actuacións destes profesionais cando unha persoa xorda ou xordocega teña que relacionarse con algún órgano ou servizo xudicial, así como os gastos derivados da súa dispoñibilidade nos servizos de garda.

Nesta liña, lembrou que o Goberno galego xa vén colaborando coa FAXPG a prol da integración plena e a igualdade de acceso das persoas con dificultades auditivas. O convenio asinado hoxe é a “continuación do traballo que se foi facendo estes anos, pouco a pouco, para poder facilitar o acceso a cada vez máis servizos públicos”. Así, por exemplo, todos os teléfonos de emerxencia da Xunta contan cun sistema de videointerpretación ao que, desde 2018, se pode acceder mediante unha aplicación móbil.

A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) ten como obxectivos fomentar a autonomía e a independencia das persoas xordas e xordocegas a través de actuacións orientadas á eliminación das barreiras de comunicación en todos os ámbitos e, de forma específica, nos contornos públicos e institucionais.

[Fonte: Xunta de Galicia]