A Xunta e a Fundación Galega contra o Narcotráfico renovan a súa colaboración na xestión de bens comisados

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Fundación, Manuel Antonio Couceiro, asinaron hoxe o convenio 

O Goberno galego achega 32.000€ para apoiar as autoridades xudiciais e outros axentes implicados na xestión, depósito e realización anticipada dos bens incautados 

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro, asinaron hoxe a renovación do convenio para a optimización da xestión dos bens comisados ao narcotráfico e delitos conexos. Segundo establece o acordo, o Goberno galego achegará 32.000 euros para apoiar as autoridades xudiciais e outros axentes implicados nas tarefas de xestión, depósito e realización anticipada dos bens incautados nestes procesos. No acto de firma estivo tamén presente o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

O obxectivo é ofrecerlles ás autoridades xudiciais información e apoio que permita reducir a carga de traballo das unidades xudiciais que instrúen procesos de tráfico de drogas. Deste xeito, axilízase a actividade das unidades xudiciais que se encargan destes asuntos no que se refire ás execucións e maximízase o rendemento económico ao reducirse os custos de depósito e xestión dos activos comisados. Ao mesmo tempo, foméntase o retorno social dos bens incautados a través de accións antidroga mediante a adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais.

Neste marco de acción, a Fundación Galega contra o Narcotráfico encárgase de coordinar cos axentes implicados a recollida do ben, o transporte e o depósito; orientar á autoridade xudicial sobre os supostos nos que resulta máis conveniente a venda anticipada dos bens; e informar acerca das solicitudes de uso ou cesión de bens incautados.  

A contía achegada pola Xunta ao abeiro deste convenio destínase tamén á actuacións formativas e divulgativas para loitar contra o tráfico de drogas en Galicia. Nesta liña inclúense encontros profesionais, campañas de sensibilización social, asesoramento a persoas con drogodependencia e ás súas familias, así como a promoción de iniciativas a prol da loita contra o narcotráfico en Galicia e a colaboración permanente coas forzas de seguridade e profesionais do ámbito xudicial.

A colaboración entre o Goberno galego e a Fundación Galega contra o Narcotráfico na materia comezou en 2015 e nela participa tamén o Colexio de Procuradores da Coruña, en cuxas dependencias se depositan os bens.

[Fonte: Xunta de Galicia]