Principais institucións de dereito sucesorio

No dereito civil de Galicia, deférese a sucesión hereditaria, en todo ou en parte, por:

  • Testamento (acto de última vontade do defunto ou sucesión testada a través de diferentes tipos de testamento).
  • Calquera dos pactos sucesorios admisibles conforme á lei e o dereito (melloras, apartación, sucesión Lexítima ou intestada, usufruto...)

Entre os tipos de sucesión testada, destacan:

  • O testamento aberto ordinario individual é aquel testamento feito ante notario que de forma individual e no que non será necesaria a presenza de testemuñas, agás nos supostos seguintes:
    • Cando o solicite o notario ou o propio testador.
    • Cando o testador sexa cego, demente en intervalo lúcido ou non saiba ou non poida ler ou escribir.
  • O testamento aberto ordinario mancomunado é aquel testamento outorgado polos cónxuxes ou por dous ou máis persoas nun único instrumento notarial. Os galegos poderán outorgar testamento mancomunado en Galicia ou fóra dela. O testamento mancomunado poderá ser revogado conxuntamente polos outorgantes. Así mesmo, en todo momento poderá ser revogado unilateralmente por calquera deles no concernente ás súas disposicións non correspectivas. O testamento mancomunado non limita a liberdade dispositiva de ningún dos outorgantes. Calquera deles poderá dispoñer, inter vivos ou mortis causa, de todo ou parte dos seus bens.
  • O testamento por comisario é aquel testamento no que cada un dos cónxuxes poderá nomear comisario ao outro co obxecto de que poida distribuír os bens do defunto e designar herdeiro ou legatario entre os fillos e descendentes comúns, sen prexuízo das lexítimas e das melloras que instituíra xa o causante, a devandita facultade tamén poderá realizarse a través de capitulacións matrimoniais.

O comisario non poderá delegar a función encomendada e perderá esta pola presentación da demanda de nulidade, separación ou divorcio, pola separación de feito dos cónxuxes ou polo novo matrimonio do viúvo ou viúva celebrado antes do exercicio da facultade de testar.

Por outro lado, producirase a sucesión intestada no suposto de inexistencia de testamento, invalidez ou nulidade deste e non existindo persoas con pleno dereito a herdar de acordo coa lei de dereito civil de Galicia, a sucesión rexerase polo disposto no Código Civil.

En caso de que non existan persoas con pleno dereito a herdar segundo o dereito civil común, herdará a Comunidade Autónoma de Galicia e os devanditos bens serán destinados a establecementos de asistencia social ou institucións culturais que se sitúen, preferentemente e por esta orde, no lugar da última residencia do causante, no seu termo municipal, na súa bisbarra e en todo caso en territorio da comunidade autónoma galega.