Decálogo de boas prácticas para a participación en actuacións xudiciais por videoconferencia

  1.    1Previamente ao día da celebración asegúrese de que ten a ligazón necesaria para acceder. Se non dispón dunha ligazón para conectarse á videoconferencia, solicítea ao órgano.
  2.    2Copie no navegador web a ligazón que lle enviaron na citación, para probar que funciona. Acceda mediante un dos navegadores recomendados (Microsoft Edge, Google Chrome ou Mozilla Firefox). Use estes navegadores independentemente do dispositivo dende o que se conecte.
  3.    3Rexístrese anticipadamente: nalgúns casos para acceder ao acto o xulgado solicita un rexistro previo. Ao entrar na ligazón web enviada pediranlle que inclúa os seus datos. Convén que realice este rexistro con antelación e que non agarde ao día da celebración.
  4.    4Comprobe que a conexión a internet funciona correctamente: as chamadas de videoconferencia necesitan de moi boa conexión. Empregue preferiblemente a conexión por cable, é moito máis rápida e fiable que o WiFi ou os datos móbiles. Se vai utilizar unha rede móbil, comprobe a boa cobertura e mantéñase no mesmo lugar durante toda a videoconferencia.
  5.    5Ao entrar na videoconferencia faga as comprobacións de funcionamento da cámara, dos altofalantes e do micrófono. Asegúrese de que lle poidan ver e oír, e de que escoita e ve correctamente. Moitos dispositivos entran por defecto nas videoconferencias coa cámara, o son ou o micrófono desactivados. Comprobe que pode activalos con normalidade.
  6.    6Mantéñase dentro da sala de espera. Nalgúns casos, deberá agardar na antesala virtual antes de ter acceso á sala principal. Sexa paciente, evite saír e entrar da mesma. Cando permaneza máis tempo do habitual na sala de espera e non saiba se é debido a un atraso ou a unha incidencia, contacte co órgano.
  7.    7Unha vez dentro, coloque a pantalla de xeito que a cámara lle enfoque correctamente, situándose nun primeiro plano e tomando como referencia os ombreiros. Evite estar diante ou á beira dunha xanela, xa que pode xerar ‘efecto contraluz’. Recomendamos, se é un dispositivo móbil ou táblet, mantelo horizontal e nun soporte cara á fronte.
  8.    8Utilice auriculares con micrófono para poder escoitar mellor e con claridade. O uso dos auriculares con micrófono permite que se escoite mellor a voz do falante, sen ecos ou interferencias. Asegúrese de que as persoas participantes poden escoitarlle antes de iniciar a súa intervención e fale cun ton de voz firme e pausado.
  9.    9Desactive o micrófono cando non sexa a súa quenda de palabra, evitará ao resto a escoita de sons de ambiente ou que se mesturen ruídos como o do teclado.
  10. 10Lembre que a súa imaxe aparece durante todo o acto, non só durante o tempo que dure a súa intervención. Se realiza outras actividades no dispositivo, chamadas ou atende ás mensaxes, pode perder a conexión e saír sen desexalo da videoconferencia, interferir na escoita ou compartir información non desexada.