A Audiencia confirma o peche da investigación do Alvia co maquinista e o exdirector de Seguridade na Circulación de ADIF como investigados

O tribunal asegura que hai “terminantes e plurais indicios” de que a causa do accidente foi o exceso de velocidade

Os xuíces entenden que existía “un risco especial de descarrilamento” que non foi “percibido e atendido por ADIF”

 A Coruña, 8 de abril de 2020.-

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña confirmou o peche da investigación do accidente do tren Alvia, sucedido o 24 de xullo de 2013. O tribunal rexeitou os recursos contra o auto do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago que puxo fin á investigación. A causa, tal e como decretara o xuíz instrutor, seguirase contra o maquinista do tren e o director de Seguridade na Circulación de ADIF no momento de posta en funcionamento da liña, por se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos de oitenta delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e de 144 de lesións por imprudencia grave profesional. Contra a decisión da Audiencia non cabe presentar recurso.

O tribunal avala a postura do instrutor respecto á ausencia de relevancia das investigacións realizadas tras a declaración dun extécnico de Talgo que dixo ver como uns responsables da empresa ordenaban o borrado de rexistros sobre defectos que apreciara na inspección do tren. Así, destaca que existe unha causa baseada en “terminantes e plurais indicios” que “non resulta cuestionable, apta por se soa para xerar o descarrilamento”, como era “a velocidade excesiva para a curva na que se saíu o tren da vía”.

En canto á solicitude de sobresemento por parte do maquinista, a Audiencia lembra que “infrinxiu indiciariamente o deber de coidado que persoalmente lle competía, de que ao chegar ao km. 84,230, inmediatamente anterior á curva, o tren que pilotaba circulase á velocidade que estaba prescrita no Libro Horario e no Cadro de Velocidades Máximas, aínda que non existisen outras limitacións de velocidade previas a tal punto, o que provocou o descarrilamento do tren ao non respectar esa velocidade máxima permitida”. Os maxistrados indican que, “ao depender dos seus actos a vida e integridade física das persoas transportadas e atendido ao seu grao de desentendemento da tarefa que lle correspondía”, a súa “neglixencia” debe cualificarse provisionalmente como “grave ou temeraria”.

Os xuíces tamén rexeitan a petición de que a imprudencia do director de Seguridade na Circulación de ADIF no momento de posta en marcha da liña sexa considerada como leve, pois resaltan a “enorme lesividade do resultado e a relevancia da actuación do investigado”. Así, entenden que existen indicios que apoian a existencia “dun risco especial de descarrilamento que non foi percibido e atendido por ADIF”.

“Non se trata de que o ERTMS non fose imperativo, senón de que é precisamente a súa eliminación no proxecto, coa xeración dun incremento do risco, e o seguimento de pautas rutineiras sobre a sinalización e protección da curva ante a redución de velocidade que esixía, o que xeraron unha situación de perigo que non se analizou nin avaliou concretamente de forma apta para establecer medidas para excluílo”, apunta o tribunal. Respecto á esixencia de responsabilidade de RENFE reclamada polos recorrentes, a Audiencia asegura que á empresa “lle son dados, neste e en todos os casos, o trazado, a sinalización e os sistemas de seguridade da infraestrutura”.

Os maxistrados rexeitan que aos responsables de RENFE se lles poida atribuír unha función de inspección do cumprimento por parte de ADIF do control de riscos na infraestrutura “da que ADIF é competente e sobre a que carece de competencias RENFE”. Ademais, denegan as solicitudes de que persoal de RENFE ou de ADIF deba responder pola desconexión do Sistema Europeo de Xestión do Tráfico Ferroviario (ERTMS) embarcado nos trens, pois entenden que, ante a inexistencia previa de ERTMS na infraestrutura, “non supoñía incremento algún do risco de descarrilamento por exceso de velocidade na curva”. Os xuíces tamén lembran que “non basta” a condición de xerente da área de Seguridade na Circulación Noroeste de ADIF para considerar a esa persoa “penalmente responsable de calquera incidencia que poida ocorrer nunha liña comprendida no seu ámbito territorial”.