O xuíz chama a declarar como testemuñas a cinco cargos de ADIF

O maxistrado solicita no mesmo auto diversa documentación a ADIF, Renfe e Talgo

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago notificou hoxe un auto no que acorda chamar a declarar, en calidade de testemuñas, a cinco cargos de ADIF. Están citados para o 27 de marzo, a partir das 9.30 horas: o director de Planificación e Recursos da Rede de Alta Velocidade, Pedro G.P.; o director de Planificación e Xestión de Capacidade, José E.G.; o subdirector de Planificación e Xestión de Capacidade, Luís Carlos S.L.; o xefe de Adxudicación de Capacidades, Luís S. del C.; e o director de Mantemento e Explotación, Alfonso O. de O.G.

O maxistrado que instrúe a causa solicitou ademais diversa documentación a ADIF, Renfe e Talgo. Segundo se indica no auto, trátase de dilixencias encamiñadas a esclarecer cuestións discutidas na instrución "como o carácter de Alta Velocidade da liña Ourense-Santiago de Compostela, ou a operatividade do ERTMS dadas as diferenzas entre o que aparece documentado ao respecto diso e o que aparece constatado na vía onde se produciu  o accidente".

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]

Documentos relacionados