Envorcado de datos das caixas negras do tren sinistrado en Santiago: primeiras informacións sobre velocidade, son na cabina e freado

O maxistrado do Xulgado de Instrución núm. 3 de Santiago, Luís Aláez, reuniuse sobre as 10.00 horas con persoal da Policía Científica para definir os pasos para seguir para o envorcado da información das caixas negras, que son de cor laranxa. Hai dous, unha do vagón dianteiro e outra do traseiro.

A continuación, na biblioteca dos xulgados, o xuíz, a secretaria e o fiscal reuníronse con policía científica, xudicial, técnicos de Renfe, Adif e técnicos da Comisión de Investigación do Ministerio de Fomento para analizar a forma en que se ía a acceder á información e comprobar que todas as partes estaban de acordo. Tras recibir as especificacións técnicas das caixas negras e realizar unha proba con outra caixa negra, procedeuse ao envorcado de información das dúas caixas negras do tren sinistrado de maneira que queda totalmente garantida a integridade e fiabilidade do contido.

Os datos extraéronse nun lapis de memoria achegada polo xulgado e posteriormente fixéronse copias autentificadas con firma dixital. A información que se obtén das caixas está encriptada e pásase por un programa informático para proceder á súa desencriptación. As primeiras informacións provisionais que se extraen da análise dos últimos quilómetros percorridos polo tren antes da saída de vía, sempre á espera do informe da policía xudicial, son os seguintes:

  • O tren circulaba nos quilómetros previos ao momento do descarrilamento a 192 quilómetros por hora.
  • Segundos antes do accidente activouse un freo.
  • Estímase que no momento da saída de vía o tren circulaba a 153 quilómetros por hora.

Do audio almacenado nas caixas negras púidose saber tamén que o maquinista estaba a falar por teléfono con persoal de Renfe, que parece ser un controlador, no momento do accidente. Minutos antes da saída de vía recibiu unha chamada no seu teléfono profesional para indicarlle o camiño que tiña que seguir ao chegar a Ferrol. Do contido da conversación e polo ruído de fondo parece que o maquinista consulta un plano ou algún documento similar en papel.

Por outra banda, o xuíz autorizou hoxe aos técnicos da Comisión de Investigación de Fomento a realizar medicións das rodas dos vagóns, sempre acompañados por policía xudicial. Os vagóns non se moverán ata que se completen as inspeccións oculares, aínda está pendente o acceso a pequenas zonas pechadas por ferros que hai que cortar. Cabe a posibilidade de que se trasladen cans para realizar unha última inspección dos restos. Tamén está previsto realizar un estudo da máquina.

Polo momento non foi citada para declarar ningunha testemuña.

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]