Nota informativa con motivo do accidente ferroviario ocorrido preto de Santiago de Compostela

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia difundiu un comunicado que resume as actuacións practicadas pola comision xudicial e o xulgado de garda desde o primeiro momento do tragico accidente ferroviario acaecido o 24 de xullo.

A comitiva xudicial comezou o levantamento de cadáveres onte ás 23.00 horas, manténdose ata ben entrado o día de hoxe. Para realizar este traballo desprazáronse ao lugar dos feitos o xuíz de garda (Instrución 3 de Santiago), un xuíz de apoio, o fiscal de garda, tres secretarias xudiciais e catro forenses. No lugar dos feitos recuperáronse 73 cadáveres, aos que hai que sumar outro sete que faleceron en centros hospitalarios. Destacar a coordinación da comitiva xudicial para proceder a un áxil, á que vez que rigoroso, levantamento.

Todos foron trasladados ao tanatorio habilitado para o efecto, situado no Multiusos do Sar. Desde aquí partiron desde as oito da mañá os corpos en direccións aos hospitais Clínico e Provincial, onde se habilitaron dez grupos forenses para practicar autopsias de forma simultánea. Unha vez realizadas as autopsias, os corpos foron conducidos de novo ao Multiusos para proceder á súa entrega ás familias. Prevese que este trámite finalice ao longo do día de hoxe en relación ás vítimas que poidan ser identificadas.

A prioridade esixida na lei é o levantamento de cadáveres e a oportuna asistencia aos lesionados, como mecanismo esencial de inicio da instrución. Nestes momentos foron identificadas 58 persoas, á maioría das cales xa se lles practicou a autopsia, para desta maneira garantir con criterios científicos as esixencias que establece o noso Dereito.

Un equipo de apoio psicosocial disposto pola Administración dá asistencia persoal ás familias en San Lázaro, onde se están comunicando os nomes dos falecidos. En Sar, onde teñen que acudir para facerse cargo dos cadáveres, existen tamén equipos coa mesma finalidade. Para o xulgado é unha preocupación cumprir os protocolos que esixen que as primeiras persoas en coñecer a identidade dos falecidos sexan os seus familiares. Para que as familias non tivesen que desprazarse ao xulgado de garda para realizar os trámites oportunos nestes casos, a Xunta habilitou un espazo para que o xulgado exerza as súas funcións no propio Multiusos.

O xuíz ordenou á policía tomar declaración ao maquinista, en condición de imputado, no hospital onde permanece custodiado. NON se produciu paso a disposición xudicial algún. O maxistrado a cargo da causa ordenou á policía custodiar as caixas negras, así como a recuperación de documentos e informes que permitan unha vez recibidos dar continuación á instrución iniciada.

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]