Exercicio de accións e cobramento de indemnizacións

O Xulgado de Instrución 3 de Santiago, para facilitar ao máximo a comunicación cos prexudicados do accidente ferroviario rexistrado en Angrois o 24 de xullo, acordou difundir a través de internet e das redes sociais os datos que estes deberán achegar na súa comparecencia ante o xulgado para o exercicio de accións e para axilizar o cobramento das correspondentes indemnizacións.

**Os/as prexudicados/as que residan fóra do partido xudicial de Santiago recibirán unha comunicación do xulgado que lles corresponda polo seu lugar de residencia habitual informándoos dos documentos que deben presentar para comparecer na investigación ou esixir as indemnizacións que lles puidesen corresponder; deste xeito poden evitar desprazarse ata Santiago. Os residentes en Santiago serán contactados telefonicamente polo persoal do xulgado que instrúe o procedemento ao longo do mes de setembro. 

Na comparecencia ante o xulgado:

  1. Solicitaráselle a información que aparece detallada máis abaixo co epígrafe "Datos útiles para presentar ante o xulgado"
  2. Realizarase por parte do Secretario Xudicial o ofrecemento de accións. O ofrecemento de accións é o trámite procesual no que se lle informa de:
    • O dereito a exercitar a acción penal e a acción civil e do seu dereito para mostrar se parte no procedemento mediante avogado e procurador.
    • No caso que decida non mostrarse parte, é dicir non desexe nomear avogado e procurador, non por iso supón unha renuncia ao exercicio de accións ás que ten dereito, pois as exercita no seu nome o Ministerio Fiscal.
  3. No caso de lesionados, adicionalmente daráselles cita para ser ser recoñecidos polo médico forense.

Datos útiles para presentar ante o xulgado

Convén que o/a prexudicado/a ou ofendido/a, cando compareza no xulgado, achegue os seguintes datos para a declaración de prexudicado/a ou ofendido/a, así como a dilixencia de información de dereitos e o ofrecemento de accións.

  1. En caso de ser pasaxeiro do tren ALVIA, n.º 150, procedente de Madrid, con destino a Ferrol, que o día 24 de xullo de 2013 saíu da vía no lugar de Angrois, Santiago de Compostela, sería conveniente, para unha maior axilidade na tramitación das dilixencias e na determinación dos danos persoais e materiais para os efectos dunha rápida e completa indemnización, que achegase información sobre cal era o seu destino, vagón e, se é posible, o número de asento que ocupaba; e se non viaxaba no tren, quen era o pasaxeiro e se mantiña ou mantén relación con el ou ela, que clase de relación, e máis en concreto:
    • Identificación do pasaxeiro
      • Nome e apelidos
      • Nacionalidade
      • Domicilio, teléfono e correo electrónico
      • Data de nacemento
      • Estado civil
      • Ocupación e ingresos
    • Identificación dos familiares vivos do pasaxeiro
      • Cónxuxe ou parella
        • Nome e apelidos
        • Nacionalidade
        • Domicilio, teléfono e correo electrónico
        • Data de nacemento
      • Fillos
        • Nome
        • Número
        • Data de nacemento
        • Convivencia co pasaxeiro
        • Domicilio, teléfono e correo electrónico
      • Pais
        • Nome e apelidos
        • Nacionalidade
        • Data de nacemento
        • Convivencia co pasaxeiro
        • Domicilio, teléfono e correo electrónico
      • Avós
        • Nome e apelidos
        • Nacionalidade
        • Data de nacemento
        • Convivencia co pasaxeiro
        • Domicilio, teléfono e correo electrónico
      • Irmáns
        • Nome e apelidos
        • Número
        • Data de nacemento
        • Convivencia co pasaxeiro
        • Orfos e dependentes do pasaxeiro
        • Domicilio, teléfono e correo electrónico
  2. Indicar, se o coñecen, en que estación de tren accedeu a este, a que hora chegou a esta e se o fixo en vehículo particular, taxi, autobús, metro, etc., especificando, se o coñece, o número de matrícula, n.º de licenza, n.º de autobús, liña, etc.
  3. Especificar, se o saben, se o título de transporte ou billete foi adquirido na páxina web habilitada por RENFE, en que data, ou ben en estación de tren, e se o medio de pagamento foi tarxeta bancaria, efectivo ou calquera outro.
  4. Deben indicar se cren ter coñecemento dalgún dato ou información relevante para a investigación.
  5. Deben indicar cal foi o resultado do sinistro para o viaxeiro:
    • Se falecemento, se este se produciu no lugar do sinistro ou nun centro hospitalario e en cal.
    • Se lesións, se foi asistido nalgún centro hospitalario e, se é o caso, cal ou cales foron estes e en que data lle deron a alta ou/e se continúa a tratamento e en que centro de saúde (hospital, clínica, etc.).
  6. Se o viaxeiro portaba no tren algunha equipaxe ou obxecto que poida ser identificado e que non lle fose devolto, debe describilo, a falta de documentación, pola súa marca, modelo, número de serie, etc.
  7. Deben indicar que gastos lles xerou o sinistro con especificación destes e o seu importe (traslado de cadáver e enterramento ou de asistencias médicas, cirúrxicas ou facultativas ou de calquera outra índole que se deriven do sinistro, como obras de adaptación na vivenda, viaxes, hospedaxe, etc.)
  8. Deben indicar se realizaron, por causa das consecuencias sufridas polo accidente que motivou o presente procedemento, algunha reclamación e ante que organismo ou entidade.
  9. Deben indicar se se lles ofreceu e/ou entregou algunha indemnización polos danos e perdas sufridos, por quen, en que importe, e se por iso subscribiron algunha renuncia ao seu dereito a reclamar calquera outra indemnización. Se o declarante posuíse documentación sobre os puntos incluídos na declaración, deberá achegala. En concreto, se dispón de:
    • Título de transporte ou billete de tren, reservas, tíckets de aparcadoiro da estación, de taxi, autobús, metro.
    • Certificacións do Rexistro Civil, Libro de Familia, testamento, declaración de herdeiros.
    • Partes ou informes médicos, facturas dos gastos afrontados, tíckets de compra ou albarás dos obxectos danados ou non recuperados, xustificantes de recepción de indemnizacións, etc.

Recoñecemento por parte do médico forense

  • Como parte do procedemento, os médicos forenses encargaranse de peritar o dano corporal sufrido polos feridos e as súas repercusións.
  • A tal fin, en próximas datas, serán citados para o recoñecemento médico nas respectivas clínicas médico-forenses ou xulgados correspondentes ao domicilio da súa residencia.
  • A esta cita, deberán acudir con canta documentación médica posúan en relación coas lesións sufridas no accidente, o seu tratamento e evolución.