Dereitos, deberes e competencias

"En materia de rexistro civil é competente para celebrar vodas, inscribir nacementos e defuncións e tramitar os correspondentes expedientes de fe de vida"

Os xuíces de paz gozarán, entre outros, dos seguintes dereitos durante o tempo que exerzan o seu mandato:

  • Dereito de inamobilidade.
  • Ser retribuídos polo sistema e na contía que legalmente se estableza.
  • Dereito, dentro da súa circunscrición, ao tratamento e precedencia recoñecidos aos xuíces de primeira instancia e instrución na súa circunscrición.
  • Dereito a ser substituídos polos seus respectivos substitutos nos casos de enfermidade ou ausencia por causa legal.

Deberes

ente os deberes dos xuíces de paz figuran:

  • Deber de xuramento ou promesa do cargo ante o xuíz de Primeira Instancia e Instrución (ou decano se houber varios) do partido xudicial onde estea situado o seu xulgado de paz.
  • Residir na poboación onde teña a súa sede o xulgado de paz, salvo autorización compatible co cumprimento do seu cargo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
  • Fixar e publicitar as correspondentes horas de audiencia no xulgado de paz.
  • Non pertencer a partidos políticos ou sindicatos, ou ter emprego ao servizo destes.
  • Non revelar os feitos ou noticias referentes a persoas físicas ou xurídicas dos que tivesen coñecemento no exercicio das súas funcións.

Competencias

Os xuíces de paz son competentes, entre outras, nas seguintes materias:

  • En materia civil é competente para tramitar, celebrar e ditar sentenzas en reclamación de cantidades inferiores a 90,15 euros así como a execución destas resolucións.
  • En materia de rexistro civil é competente para celebrar vodas, inscribir nacementos e defuncións e tramitar os correspondentes expedientes de fe de vida.
  • En materia penal, é competente para tramitar, celebrar e ditar sentenzas en xuízos de faltas por feitos de pequena gravidade que acontecesen no termo municipal da súa xurisdición, como insultos, ameazas, vexacións, actos incívicos contra bens públicos…
  • En materia de auxilio xudicial é competente para a realización de actos de comunicación requiridos por outros órganos xudiciais.
  • En materia de conciliación é competente para a realización dos actos de conciliación que se celebren no termo municipal da súa xurisdición.
  • Así mesmo, teñen importantes competencias no labor de atención á cidadanía e intervención pola vía pacificadora extraxudicial en múltiples problemas dos cidadáns do seu termo municipal.