Tribunal do xurado

"Para a selección dos 9 membros que compoñen o xurado realízanse unha serie de sorteos nos cales se designan aleatoriamente 36 candidatos, extraídos da lista do censo electoral provincial vixente"

O artigo 125 da Constitución española establece que "os cidadáns poderán participar na Administración de xustiza mediante a institución do xurado, na forma e con respecto a aqueles procesos penais que a lei determine”.

O Tribunal do xurado ten competencia para o axuizamento dos seguintes delitos atribuídos ao seu coñecemento e fallo:

  • Delitos contra as persoas.
  • Delitos cometidos polos funcionarios públicos no exercicio dos seus cargos.
  • Delitos contra a honra.
  • Delitos contra a liberdade e a seguridade.
  • Delitos de incendios.

O xuízo do xurado celebrarase só no ámbito da audiencia provincial e, no seu caso, dos tribunais que correspondan por razón do aforamento do acusado (Tribunal Superior de Xustiza e Tribunal Supremo). En todo caso, quedan excluídos da competencia do xurado, os delitos cuxo axuizamento veña atribuído á Audiencia Nacional.

O tribunal do xurado componse de 9 membros e un maxistrado integrante da audiencia provincial, que o presidirá. Ao xuízo do xurado asistirán, ademais, dous xurados suplentes.

Selección por sorteo

Para a selección dos 9 membros que compoñen o xurado realízanse unha serie de sorteos nos cales se designan aleatoriamente 36 candidatos a xurados, estes forman a lista de candidatos a xurado. Os candidatos a xurados extráense da lista do censo electoral provincial vixente na data do sorteo.

Con polo menos 30 días de antelación á data prevista para a primeira vista de xuízo oral da causa, o secretario do tribunal, en audiencia pública, realizará o sorteo, de entre os 36 candidatos a xurados da lista da provincia. Desta forma pecharase o primeiro paso para a designación dos cidadáns que compoñerán un xurado.