Procedemento de solicitude e rexistro

"O rexistro cualificará as solicitudes, a acreditación dos requisitos esixidos pola lei e a legalidade dos dereitos e obrigas contidos nos pactos. Efectuará unha proposta de resolución na que acordará practicar ou denegar a inscrición"

O procedemento de solicitude e rexistro das parellas de feito conta cas seguintes fases:

  • Presentación e admisión da solicitude: o rexistro onde se curse a entrada da solicitude fará constar nela a data e a hora da presentación, que determinará o inicio do cómputo do prazo de resolución. Seguidamente, ao solicitante expediráselle un xustificante da presentación.
  • Emenda de defectos: Se a solicitude presentada contivese algún defecto subsanable, ou se non se achegase algún dos documentos necesarios, requirirase o solicitante para que emende a falta no prazo regulamentario establecido.
  • Tramitación da solicitude: A tramitación das solicitudes presentadas ante o rexistro de parellas de feito rexerase polas determinacións contidas Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
  • Cualificación de solicitudes e proposta de resolución: O rexistro cualificará as solicitudes presentadas, a acreditación dos requisitos esixidos pola lei e a legalidade dos dereitos e obrigas contidos nos pactos. Efectuará unha proposta de resolución na que acordará practicar ou denegar a inscrición ou, no seu caso, arquivar a solicitude.
  • Resolución das solicitudes e notificación: O delegado provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá a inscrición solicitada no prazo de tres meses, a contar dende a data na que a solicitude tivese entrada no devandito centro. As resolucións serán notificadas á parella solicitante na forma establecida na Lei de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.
  • Medios de impugnación: As resolucións ditadas pola delegación provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza serán susceptibles de recurso de alzada ante a persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza.