PARTICIPACIÓN NO TRIBUNAL DO XURADO

Recepción de documentación

Cando un cidadán foi seleccionado para participar nun tribunal do xurado recibe unha citación no seu domicilio por parte do secretario do tribunal co fin de que compareza o día sinalado para a vista do xuízo oral no lugar en que se haxa de celebrar.

Xunto coa cédula de citación achégase un cuestionario, no que se informará das eventuais faltas de requisitos, causas de incapacidade, incompatibilidade ou prohibición que os xurados deben coñecer, así como os supostos de escusa que poidan alegar, os dereitos e deberes e a retribución que lle corresponderá.

Unha vez recibida a notificación, o cidadán debe realizar as seguintes actuacións:

  • Cubrir o cuestionario que se lle achega (caderno B) e devolvelo á audiencia provincial dentro dun prazo máximo de 5 días, contados a partir da recepción da documentación.
  • Comparecer na sede da audiencia provincial o día e a hora sinalados. A non comparecencia pode motivar a suspensión do xuízo, e levará consigo importantes sancións. A non comparecencia inxustificada á primeira citación pode ser sancionada con multa de 150,25 euros e, á segunda citación, con multa de 601,01 a 1.502,52 euros.