Retribucións e indemnizacións

"A lei establece que o desempeño da función do xurado será retribuída e indemnizada na forma e contía que regulamentariamente se determine, e terá, a consideración dun deber inescusable de carácter público e persoal"

A Lei Orgánica 5/1995, do 22 de maio, do Tribunal do Xurado establece que o desempeño da función do xurado será retribuída e indemnizada na forma e contía que regulamentariamente se determine, e terá, para os efectos do ordenamento laboral e funcionarial, a consideración dun deber inescusable de carácter público e persoal.

A devandita retribución e indemnización será de aplicación aos xurados, tanto titulares coma suplentes, durante o tempo que desempeñen a súa función, así como aos candidatos a xurados designados para cada causa que, logo de citación, concorran ao proceso de selección xa mencionado.

Se algún candidato a xurado sostén que non dispón do diñeiro necesario para acudir á audiencia o día da celebración do xuízo, debe facer esta manifestación por escrito, que enviará a audiencia provincial xunto co cuestionario que ten que devolver no sobre que se achega á documentación.

Os conceptos a percibir polos candidatos a xurados e polos xurados, segundo a resolución do Consello de Ministros de 14 de xullo de 2006, son os seguintes:

  • Retribucións dos candidatos a xurados e dos membros do xurado:
    • Retribución diaria do xurado: 67,00 euros.
    • Retribución única das persoas candidatas non seleccionadas como xurados: 33,50 euros.
  • Indemnizacións dos candidatos a xurados e dos membros do xurado por gastos de viaxe:
    • Motocicleta: 0,078 euros por quilómetro.
    • Vehículo turismo: 0,19 euros por quilómetro.
    • Valor do billete de tren ou autobús.

Non se aboará o importe correspondente ao traslado en taxi, salvo que se acredite que, de non ter recorrido a ese medio de transporte, non tivese sido posible chegar co tempo suficiente á sede da audiencia provincial para acudir á formación do xurado, dentro do mesmo día.

Aloxamento e manutención

O aloxamento dos candidatos a xurado unicamente procederá nos supostos nos que, a xuízo do presidente, se entenda xustificado pasar a noite fóra do municipio en que radique a súa residencia habitual. En ningún caso se facilitará o aloxamento aos candidatos a xurados veciños do municipio sede da capital da provincia.

Igualmente, no suposto de necesidade de facilitar aloxamento aos xurados de durante a celebración do xuízo oral ou á vista da duración da deliberación, estarase ao que o presidente dispoña. En ambos os dous casos, os candidatos a xurado e os xurados terán dereito a percibir as seguintes cantidades máximas diarias:

  • Aloxamento, incluído o almorzo: 65,97 euros
  • Comida: 18,70 euros
  • Cea: 18,70 euros