Dereitos e obrigas das testemuñas

"A testemuña ten a obriga de comparecer no xuízo ou vista, baixo sanción de multa e apercibimento de proceder penalmente contra el por desobediencia á autoridade"

Os principais dereitos e obrigas das testemuñas son:

O principal dereito da testemuña, é o de percibir unha indemnización, polos gastos que lle poida carrexar a prestación de declaración. O importe desta indemnización, será fixado polo xuíz, gozando da vía de constrinximento a testemuña en caso de non pagamento.

Entre as principais obrigas ou deberes das testemuñas xudiciais destacan:

  • Obriga de comparecer no xuízo ou vista, baixo sanción de multa e apercibimento de proceder penalmente contra el por desobediencia á autoridade. No caso de enfermidade ou suposto asimilado, procederase á declaración domiciliaria. A testemuña deberá poñer en coñecemento do xulgado ou do tribunal os cambios de dirección ata que sexa citado para a celebración do xuízo ou vista.
  • Deber de prestar xuramento ou promesa de dicir a verdade. No caso de que se demostrase que a testemuña mentiu, incorrerá nun delito de falso testemuño. Por iso, antes do inicio do interrogatorio, o/a xuíz tomaralle xuramento ou promesa, e informarao sobre as sancións establecidas contra quen realice delito de falso testemuño (prisión de seis meses a dous anos e multa de tres a seis meses).
  • Deber de informar o tribunal sobre os seus datos persoais e identidade, relación de parentesco ou afinidade cos litigantes, os seus avogados ou procuradores; se ten algunha relación con litigantes, avogados ou procuradores, susceptible de provocar intereses comúns ou contrapostos, xa sexa por amizade/inimizade ou calquera outro tipo de relación; e, finalmente, se ten interese directo ou indirecto no asunto e se foi condenado algunha vez por falso testemuño.
  • Deber de declarar, limitándose a responder ás preguntas que se lle formulen, de forma clara e evitando as respostas evasivas. Como excepción a esta regra xeral encóntranse as persoas obrigadas por segredo profesional ou secreto oficial e os parentes do procesado en liñas directa ascendente e descendente, o seu cónxuxe ou persoa unida por relación de feito análoga, os seus irmáns consanguíneos e os colaterais consanguíneos ata o segundo grao civil, se ben poderán facer as manifestacións que consideren oportunas. As testemuñas declararán separada e sucesivamente, pola orde en que viñesen consignados nas propostas, salvo que o tribunal encontre motivo para alteralo, ademais non se poderán comunicar entre si nin poderán asistir uns ás declaracións doutros.