Preguntas frecuentes

A poxa celebrarase de forma electrónica e terá lugar no portal dependente da Axencia Estatal Boletín Oficial del Estado, que constitúe o único medio para a realización das poxas que se acorden nunha execución e deriven de procedementos xudiciais de constrinximento, así como para as poxas voluntarias xudiciais.

O letrado da Administración de xustiza do xulgado que convoque a poxa actuará, en todo caso, como autoridade xestora da poxa. Os datos de identificativos da dita autoridade poden comprobarse no Portal de Poxas, na segunda lapela da páxina de detalle de cada poxa.

O Portal de Poxas da Axencia Estatal BOE está dispoñible na sede electrónica da Axencia Estatal BOE, na ligazón https://subastas.boe.es.

Calquera cidadán pode acceder ao Portal de Poxas da Axencia Estatal BOE.

Na barra superior da pantalla de inicio do Portal de Poxas, á esquerda, premendo en “Buscar”, pódense seleccionar distintos criterios de procura das poxas: orixe ou tipo da poxa, estado, tipo de ben, enderezo, etc.

Si. Os usuarios rexistrados, unha vez iniciada sesión, poden realizar unha busca, gardala e solicitar que o portal lles envíe alertas por correo electrónico que se axusten aos criterios de busca seleccionados.

O usuario non rexistrado no Portal de Poxas só poderá acceder á parte pública do portal, que inclúe realizar buscas de poxas en curso por distintos criterios e consultar determinados detalles de cada poxa: a información xeral sobre a poxa, a autoridade xestora, os lotes que a compoñen, o interesado e mais o acredor, así como os valores das ofertas máximas para cada lote no momento da consulta.

O usuario rexistrado no Portal de Poxas, ademais das opcións públicas para todos os usuarios, pode xestionar os seus datos de contacto, acceder a información sobre as poxas en que participou ou estea a participar, realizar depósitos, participar como licitador ou ofertante nunha poxa e subscribirse a servizos de avisos e alertas de entrada de poxas que se axusten aos criterios que previamente establecera.

Para realizar o rexistro no portal é imprescindible dispoñer dun certificado electrónico recoñecido de persoa física. No Portal de Poxas só se poderán rexistrar persoas físicas, polo que, independentemente do tipo de certificado recoñecido que estea a utilizar para identificarse durante o proceso de rexistro, sempre se obterán os datos da persoa física que figuren no certificado. Se no certificado utilizado non se identifica a ningunha persoa física, non se poderá completar o rexistro. Durante o proceso de rexistro, o portal asignaralle un usuario (o seu correo electrónico) e solicitaralle un contrasinal, que poderá utilizar como credenciais para conectarse ao portal desde aqueles dispositivos en que non teña dispoñible o certificado electrónico. O correo electrónico que proporcione terá que ser único, é dicir, non se poderá utilizar o mesmo correo para rexistrar varios usuarios. Opcionalmente, o usuario pode proporcionar un teléfono móbil para recibir SMSs de avisos sobre as poxas en que participe.

Para completar o seu rexistro, será imprescindible que acepte as condicións de uso do sistema.

Tras se solicitar a celebración da poxa, o letrado da Administración de xustiza acordará a súa convocatoria mediante decreto, e unha vez que a dita resolución sexa firme anunciarase aquela no BOE. Debe terse en conta que para que se abra a poxa resulta necesario aboar a taxa correspondente (bardante que o anuncio sexa gratuíto).

A poxa non se abrirá ata transcorridas, polo menos, vinte e catro horas desde a publicación do anuncio, cando lle fora remitida ao Portal de Poxas a información necesaria para o comezo da mesma. Admitirá ofertas durante un prazo de vinte días naturais desde a súa apertura, se ben non se pechará ata transcorrida unha hora desde a realización da última oferta ou proposta, sempre que esta fora superior á mellor realizada ata ese momento, mesmo que isto implique a ampliación do antedito prazo inicial de vinte días por un máximo de 24 horas.

Só poden ofertar ou licitar nunha poxa aqueles usuarios rexistrados que constituíran o depósito establecido pola autoridade xestora, bardante daqueles casos en que o usuario, por ser executante ou por outra circunstancia, estea exento de constituír o depósito. No momento de participar nunha poxa como usuario rexistrado realizando depósitos e/ou ofertas, o portal solicitaralle que indique se o vai facer no seu propio nome (no da persoa física rexistrada), en réxime de gananciais ou en representación dun terceiro. Mentres que nas poxas xudiciais en vía de constrinximento os acredores e os seus representantes poderán ofertar sempre que xa exista algunha oferta anterior, nas poxas voluntarias o interesado poderá realizar unha oferta en calquera momento.

Estarán exentos aqueles ofertantes ou licitadores que a autoridade xestora identificara co seu NIF nos datos da poxa (identificación de acredores, interesados e representantes) no momento da súa alta no portal. Unha vez iniciada a poxa, non é posible engadir novos acredores, interesados ou representantes.

Unha vez rexistrado, o usuario deberá entrar no sistema utilizando o seu certificado electrónico ou o seu usuario e contrasinal, localizar a poxa na que desexa licitar e acceder á lapela de "Pujas". Se a poxa ten lotes de adxudicación separada, seleccionará o lote no que estea interesado e daralle á opción de "Constituir Depósito". O sistema indicaralle o importe establecido pola autoridade xestora da poxa para o depósito e solicitaralle o IBAN dunha conta bancaria. Se o usuario non é o titular da conta, deberá estar autorizado e proporcionar os datos do titular, alén dos seus datos como representante autorizado. A constitución dun depósito desde unha conta na que o usuario é un representante autorizado (ou sexa, non é o titular da conta) só se poderá realizar se o usuario se identificou no Portal de Poxas con certificado electrónico. Non será posible realizala se o usuario se identificou no portal co seu usuario e contrasinal. Para a constitución dos depósitos, o Portal de Poxas utilizará a pasarela de pagamentos que a Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) pon á disposición para tal efecto. É por iso que a conta bancaria proporcionada polo usuario debe ser dunha das entidades colaboradoras da AEAT.

Para realizar unha oferta, o usuario deberá realizar as seguintes operacións:

  • Entrar no sistema utilizando as súas credenciais.
  • Seleccionar a poxa e o lote en que desexa ofertar.
  • Constituír o depósito correspondente.
  • Indicar os seguintes datos:
    • Importe polo que oferta: se a autoridade xestora da poxa estableceu o importe da licitación mínima e o incremento entre ofertas, o sistema só lle vai permitir ofertar por estes valores. De non ser así, o sistema permitiralle facer propostas ou ofertas por calquera valor. O portal admitirá ofertas por importe igual ou inferior á máis alta xa realizada, para os efectos de reservalas no caso de que o vencedor non consigne o resto do prezo de adquisición.
    • En nome de quen actúa: no seu propio nome, en réxime de gananciais ou no de terceiros (nestes dous últimos supostos o usuario terá que achegar os datos correspondentes e estar en disposición de fornecer a documentación que así o acredite en caso de resultar ganador da poxa).
    • Se desexa reservar a súa mellor oferta ata que se produza a adxudicación definitiva ou non.
    • Confirmar a oferta: no momento da confirmación dunha oferta ou proposta, como medida adicional de seguridade o portal enviaralle un SMS ou un correo electrónico ao licitador cun código para validar a dita oferta. Por cada proposta realizada e confirmada, o licitador recibirá por correo un documento que acredita a súa oferta. En todo momento, o licitador poderá comprobar cal é a súa oferta máxima e cal é a oferta máxima da poxa.

As ofertas confirmadas non poderán ser retiradas. A autoridade xestora é a competente para resolver posibles excepcións, polo que se o usuario considera que se produciu algún erro, debe contactar coa autoridade xestora da poxa para comunicar a súa incidencia.

Cando o licitador estea a realizar a súa primeira oferta nunha poxa (ou nun lote), o portal solicitaralle que indique se desexa realizar reserva da súa oferta máxima (o portal pregunta só unha vez, coa primeira oferta, se quere facer reserva):

  • Se indica que NON:
    • Todas as ofertas sucesivas da mesma poxa (ou lote) realizaranse sen reserva de oferta.
    • O depósito correspondente seralle devolto se non resulta ganador cando conclúa a poxa no Portal de Poxas.
  • Se indica que SI:
    • Todas as ofertas sucesivas da mesma poxa (ou lote) realizaranse con reserva de oferta.
    • O depósito será retido, aínda que a súa proposta máxima fora superada pola doutro licitador, ata que a poxa sexa adxudicada e finalizada pola autoridade xestora.
    • Se os licitadores con ofertas máis altas non resultasen finalmente adxudicatarios, este licitador podería ser o novo ganador, xa que de se producir o referido suposto, a autoridade xestora da poxa nomeará como novo adxudicatario o segundo ou sucesivo mellor licitador que solicitara a reserva da súa oferta. No caso de que un licitador desexe realizar unha oferta por un valor inferior á oferta ou proposta máxima, o sistema só llo permitirá se acepta unha reserva da súa oferta ata a adxudicación da poxa, dado que só poderá chegar a ser o adxudicatario final se os licitadores con ofertas máis altas renuncian á adxudicación.

O Portal de Poxas ordena automaticamente a devolución dos seguintes depósitos:

  • Os depósitos realizados por licitadores non ganadores que non solicitaron reserva de oferta, cando a execución da poxa conclúe no portal.
  • Os depósitos realizados por licitadores non ganadores que solicitaron reserva de oferta, cando a autoridade xestora finaliza a poxa.
  • Todos os depósitos existentes, cando unha poxa é cancelada pola autoridade xestora.

Cando a poxa conclúe no portal, este ordena a transferencia do importe da consignación do mellor ofertante de cada lote (se non está deserto), a través da AEAT e do Banco de España, á conta da autoridade xestora da poxa. O mellor ofertante será requirido pola autoridade xestora para que ingrese, se for o caso, o resto do prezo ofrecido (descontado o importe do depósito constituído previamente para licitar). A devolución de calquera posible cantidade ao ofertante ganador deberá realizarse desde a conta da autoridade xestora, sen intervención do Portal de Poxas na dita operación.