Plan de Infraestruturas Xudiciais

O Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 115 millóns de euros para levar a cabo actuacións necesarias e fundamentais nas grandes sedes xudiciais galegas, remata en 2022. Este plan representa todo un símbolo de colaboración entre administracións: os concellos puxeron á disposición da Administración de Xustiza os terreos ou edificios e a Xunta construiu as infraestruturas.

Na Coruña rehabilitouse o edificio da antiga “Real Fábrica de Tabacos”. Este histórico inmoble é hoxe un edificio xudicial, modelo en toda Galicia e en toda España. A obra rematou no 2017 e contou cun investimento de máis de 16 millóns de euros. A Coruña ten agora un edificio xudicial sen parangón que consolida as infraestruturas xudiciais da cidade e recupera un inmoble senlleiro e emblemático para a cidade herculina.

En Pontevedra, os traballos para a construción da nova sede xudicial de “A Parda” remataron en 2019. Esta sede naceu coa intención de reagrupar xulgados e xerar un espazo suficiente para o futuro. O levantamento arquitectónico, que superou os 17 millóns de euros, conta con máis de 21 000 metros cadrados e alberga 28 unidades xudiciais. Resólvese así a antiga carencia de espazos xudiciais na cidade do río Lérez.

En Vigo, pola súa banda, o proxecto da Cidade da Xustiza supón a rehabilitación do antigo Hospital Xeral: unha aposta para poñer en valor un edificio emblemático que contribuirá a dinamizar a cidade. O proxecto, para o que se destinou un orzamento de máis de 42 millóns de euros, finalizará en 2022. Permitirá concentrar nun só edificio e no centro de Vigo toda a actividade xudicial: 44.000 metros cadrados de superficie dotarán á Administración de Xustiza dunhas instalacións de gran nivel.