Rehabilitación do edificio da antiga "Real Fábrica de Tabacos" na Coruña para infraestruturas xudiciais

As obras contempladas no proxecto tiñan por obxecto a rehabilitación do edificio da antiga “Real Fábrica de Tabacos” para infraestruturas xudiciais. Este histórico inmoble é hoxe un edificio xudicial, modelo en toda Galicia e en toda España. A obra rematou no 2017 e contou cun investimento de máis de 16 millóns de euros. A Coruña ten agora un edificio xudicial sen parangón que consolida as infraestruturas xudiciais da cidade e recupera un inmoble senlleiro e emblemático para a cidade herculina.

Esta nova sede xudicial alberga a Audiencia Provincial, a Fiscalía Provincial (incluída a fiscalía de menores), o Xulgado de menores, o Xulgado de Vixilancia Penitenciaria, as oficinas da Secretaría Provincial de Coordinación, as oficinas da Xunta Electoral Provincial e a Mutualidade Xeral de Funcionarios de Xustiza. O proxecto permitiu incrementar nun 70 por cento a superficie das unidades xudiciais e resolver os problemas de espazo para os vindeiros vinte anos. Esta gran reforma dota á Administración de Xustiza da Coruña dunhas infraestruturas idóneas para os que traballan nela e para os milleiros de cidadáns que as utilizan cada día.

Características do edificio

O edificio desenvólvese en catro plantas: soto, baixa, primeira e segunda. A superficie total construída abrangue máis de 18 000 metros cadrados. Na obra de restauración mantívose a fachada principal da praza da Palloza, que data de finais do século XIX. Entre os espazos singulares atópanse os patios existentes, que se destinan integramente á circulación do público, e os accesos a xulgados, colexios profesionais e salas de audiencia. Outros espazos singulares son a biblioteca e as salas de usos múltiples, situadas na primeira planta. Finalmente, atopamos as 4 salas de Audiencia Provincial e unha sala de vistas para os dous xulgados. Os espazos de traballo para xuíces, letrados da Administración de Xustiza, fiscais e funcionarios resólvense situando os despachos no perímetro exterior do edificio e as oficinas de tramitación nas alas centrais. Tamén son de resaltar os espazos correspondentes a instalacións no soto: zonas previstas para o arquivo, en distintos lugares do edificio, e as celas de detidos.